Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
onde o pan é frutal e o ar encelma a sede máis enxoita e corrosiva, ai amor que me fenden os raios da saudade, e quero ollar a estancia, encravar na pupila para despois da morte esa luz que me cruza, ese olor que me chega, cilandro e malvasía, ese amor meu que nunca.14
Porque esta ferida extensa e andina, insólita na nosa poesía, supón un proceso continuo de territorialización e desterritorialización15 que sitúa a Avilés na vangarda dos poetas que de maneira máis nidia contribuíron a dialoxizar e, xa que logo, a superalas fronteiras da incomprensión entre culturas. Os acontecementos máis recentes chegada de emigrantes de Colombia a Galicia, clima mundial prebélico, desastres ecolóxicosestán a subliñar determinadas palabras dos poemas do noso escritor. Deste maneira Avilés amplía os horizontes sentimentais da nosa patria, ó colonizar, no senso etimolóxico de campesiño, roturador da terra, saudosamente un extenso territorio que pasa a ser habitado pola palabra do noso poeta. O degoiro posesivo, extenso, queda subliñado polos versos libres, tamén expansivos e profundos. Cando o mesmo sentimento da ausencia se proxectaba sobre Galicia era en versos máis recollidos e apertados, hendecasílabos en gran parte, como consciente de que se trataba dunha emoción contida. O reto era recollelos sentimentos nunha estructura ríxida, de canción coñecida. Poucos anos máis tarde Avilés publica As torres no ar16, obra que supón sen dúbida o cumio poético do escritor de Taramancos. Recollendo moitos elementos da etapa anterior, esta nova obra é un acto de fe na comuñón do home coa natureza, terra e mar, pero tamén o compromiso decidido coa liberdade. Quedan atrás aqueles ecos desvaídos da derrota porque o poeta, no seu camiño, aínda ferido, proclama:
Son o derrotado que conduce a cuádriga implacável da vitória17
Os ecos da historia, nas dúas partes do poemario, provocan a aparición dos máis sentidos acentos sociais, que fan da palabra poética unha protesta universal en contra do colonialismo, pola liberación dos pobos, en contra da escravitude histórica, en contra dos imperialismos e, sempre, a fe na redención da súa terra desde a palabra poética (?pois a camelia existe ó decir o seu nome?)... Podemos considerar esta etapa final a máis combativa e de maior firmeza. Quedan atrás versos tinguidos de nostalxia, vivísima por veces, pero máis ou menos conformista. Non é distinto a este o clima inicial do seu derradeiro, e póstumo, poemario, Última fuxida a Harar18. Pero aparece un novo elemento que nos volve introducir nos camiños do exilio:
Anxo da noite, cazador no escuro que vés flamíxero a me expulsar do souto:
33 Nº 364