BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Decir patria ten algo de sabor a centeo de nai pedindo auxilio ós catro ventos, camaradas perdidos no abrazo derradeiro. Todo isto que encontras na calor do meu peito, o rumor do granito, da chuvia, da morriña, é a voz da miña patria que te ampara, a ti nado na ausencia a ti miña semente en terra allea tan inocente e xa crucifixado.12
Empeza a cobrar vida o presente e a afastarse o pasado ata que un día se achega o final do desterro. Pero este fin sempre chega demasiado tarde e o desterrado descobre que está instalado existencialmente nunha situación de aterrado no senso etimolóxico. O desterro non é soamente un transplante dun home dunha terra a outra, non é soamente a perda da terra patria, senón a perda da terra como raíz, como centro. Así, a obra que publica Avilés en Galicia no ano 1985, Cantos caucanos13, abre con este recoñecemento poético, prolongando esta etapa máis alá do seu regreso físico:
Ai como amo a Tuluá onde os cóndores esfollaron un día margaridas. E amo o sancocho, miña nai, e amo os trapiches coa ternura elemental do tigre. Non hai regreso, avoa, nunca regresa o mesmo home ao mesmo sitio. O lobo do deserto perdeu a túa voz, e a auga clara da túa man non apaga a saudade revertida.
Esta saudade revertida, expresada poeticamente neste título inequívoco, sitúa a poética do desterro de Avilés nunha posición de orixinalidade que vén reafirmala idea de que non podemos falar dunha única ausencia, senón da maneira persoal de sentirse ausente. Prolonga así pola xeografía americana Avilés o seu canto de ausencia e desterro. Nun dos grandes poemas do libro móstrase a extensa ferida do exilio do noso poeta:
Isto é o lor que me estremece, amar tan longamente o ben perdido, ter para sempre o folgo eivado de amar o que se perde e andar o corazón coa raíz revirada na beiramar do tempo. Ouh território aberto, planura do confín, miña outra casa, terra
Nº 364
32