BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
.......................................................................... Veleiquí como alzo baruda arquitectura: mozos da miña carne brincarían na eira e entón a miña patria sería xa tan ceibe que non houbera aceiro nen pouta vixiante que esta forza que eu planto ó seu pé sometera.1
Pero a aspiración de vertebración poética non é un simple xogo verbal, porque configura tamén un personaxe poético, establecendo a traxectoria vital do suxeito poético. De aquí o recurso a certo heterónimo, como Ulises Fingal, necesario para comprenderse a un mesmo. Esta preocupación constructiva, cohesiva, vai permitir contemplar cada poema de Avilés como integrante dun conxunto no que se afianza pero achegando á súa vez unha serie de referencias coas que se integra no poemario. O tecido resultante, a súa poesía, non parece avalar aquela súa repetida, autopoética ?Agora mesmo, de taberneiro en Noia, como François Villon, escribirei de vez en cando algún poema. Pero como ves non son un poeta de oficio nin oficial. Son sempre o que chega tarde e dalgún xeito quere facer a súa sementeira e a súa colleita cun esforzo que a outros lles vén máis mainiño polo tempo e a paciencia. Eu non teño nin unha nin outra. Son a grandeza e a miseria da poesía. Un francotirador da fermosura?2 que máis ben parece responder a unha captatio benevolentiae tan repetida nos exordios retóricos. Avilés de Taramancos é un poeta culto, de lecturas moi selectas, que escribe desde a nosa máis fonda tradición poética coa que establece un diálogo permanente con capacidade para integralos temas máis actuais e ata periodísticos. Isto soamente se pode conseguir cun traballo de forxa que non está ó alcance dos poetas ocasionais. E un dos fíos que anoan a poesía do noso escritor, dotándoa de solidez, é o sentimento da ausencia e do desterro que percorre tódolos seus poemarios. Será este sentimento exílico, ademais, un instrumento colonizador que lle permitirá habitar espacios moi distantes coa súa palabra, achegándoos ó mesmo tempo a nós, os lectores. O mesmo poeta confesa esta presencia existencial no derradeiro dos seus poemarios:
Mais é tamén a longa fondura da saudade, compañeira perpétua da feliz singradura...3
Esta compañeira perpetua da súa singradura vital aparece xa nos seus primeiros poemas iniciáticos e a partir deste momento a ausencia deixa de ser para Avilés unha condición eventual do home para converterse na condición natural do poeta, cando aínda case non se afastara dos eidos natais. Así, na revista Tapal (núm. 2, 1950, p. 8) debuxa con lapis indeciso a imposibilidade de vivir lonxe da terra noiesa:
Eu non sei que tendes Ou terras de Noia
Nº 364 28