Estudos e investigacións sobre María Mariño
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Despertei cando un rostro longo de fartura con corpo de néboa crara cubría en teito a terra i erguido seu brazo dreito co dedo índice marcaba o sitio do Sol (Mariño 1994: 192193. A negriña é miña).
Neste mar de fondo do desexo da existencia plena vai, pois, a María Mariño dos últimos poemas, como ía xa na súa nenez pobre e mariñeira de Noia, na que nacera para a vida e para a poesía e na que á hora do renacer maduro no Courel para a nova vida e a nova poesía a única que lle coñecemos volve nacer e renacer para morrer finalmente en plenitude. E así, deste mar de fondo emerxe a imaxe do mariñeiro que amarra a áncora cando o vento muxe para sacar a flor que mantén a vida humilde que fumega nas casiñas vellas e nas dores da pobreza. É esta unha comprometida e testemuñal poética pobre de mariñeira en terra que recolle os ditados desa terra humilde, o seu muxir, o seu ruxir, os ?escoitos? todos do seu ?mundo dos furados?. Porque o misterio do íntimo mar mariñán envolve toda a terra. María Mariño levou o mar ao Courel e a súa poesía telúrica brota de fonda fonte abisal, tal como xa vimos:
Amarra mariñeiro ancla cando o vento muxe a súa hora, muxe escoitos, muxe dos furados mundo, muxe o verte ruxir das chimeneas, muxe alento de casiñas vellas, muxe de cumes, de vals e camiños soios. Vai muxindo, vai sacando de todos a frol para que non morran outros, aqués que teñen que vivir dela, aqués que medran na verba do tempo, aqués que medran na pobreza que non se ve pro magoa, aqués que medran soios en empuxe segredo peito enteiro, aqués que son fortesbrandos con forza e sin ela, aqués que son. ¡Ouh terra como te vas descubrindo! ¡Como vas facendo das túas! ¡Como levas e traes! Cando traes, muito dis, pro cando levas, amiga, cando levas calas, calas o que ofreceches no día aquel de luz, aquel que de todos ti sabes, aquel día de luz moza, aquel día farto de teu, aquel día teu ditado. ¡Terra, di! (Mariño 1994: 175176. A negriña é miña).
17
Nº 368