Exposición
MIRADAS A emoción da palabra Lupe Gómez As Palabras teñen forza, e teñen magnetismo. Moven as artes, a política e a vida cotiá das persoas. As palabras moven os países, moven o mundo. As palabras van contando, pouco a pouco, a Historia. Como se fosen historiadoras, ou fotografías do pasado e do presente, dialogando co futuro. A Real Academia Galega, abríndolle portas e xanelas á sociedade, e celebrando os seus 100 anos de Historia, fai a exposición ?Galicia, a forza da palabra? na Fundación Caixa Galicia da Coruña. É unha exposición emocionante. En pouco espazo aparecen expostas moitas cousas, moitos documentos. Todo un pouco amoreado e mesmo desordenado. Porque os nosos recordos tamén aparecen así na memoria e no corazón. Veñen a nós de vez en cando como flashes. É conmovedor mirar nesta exposición a mesaescritorio na que escribía Rosalía de Castro. A súa letra preciosa, rebelde e romántica. As lentes de Castelao, que lle facían ter unha mirada especial, diferente. Os manuscritos de Os Eoas de Pondal metidos nunha maleta grande, como se fosen un tesouro. Os cadros de Luís Seoane, ou Camilo Díaz Valiño, como impresións cheas de encanto. A letra de escritores máis actuais como Uxío Novoneyra, Neira Vilas ou Manuel María. Rosalía soíña ante tantos nomes de homes. Rosalía, como se ela fose a orixe da palabra. O terreo humilde no que medran as flores. É catártico poder achegarse á palabra. Sentir a palabra como algo humano, vivo. Sentir a cultura como algo real chegar a tocala, e vibrar con ela.
Galicia Hoxe, 15 de decembro de 2006
Nº 368
140