A Real Academia Galega no seu Centenario (19062006)
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Carral, Tui, Betanzos Se a exposición foi o acto central, os actos de Carral (26 de abril), Tui (24 de xuño) e Betanzos (6 de outubro) estaban xustificados na necesidade de mostrar os fitos máis senlleiros capaces de simbolizar as arelas do país por mostrar a súa identidade colectiva. Carral significa a homenaxe aos protonacionalistas e conmemora os inicios liberais do nacionalismo galego; seguindo este criterio, os actos de Tui foron a lembranza e homenaxe ao rexionalismo que organizou os seus primeiros xogos florais unindo música e literatura, as dúas artes populares por excelencia e que tanta importancia acadaron no Rexurdimento. Tamén Tui escenificou a presenza do clero e da igrexa nas tarefas da dignificación do país. O desenvolvemento dos actos de Tui quixo remarcar esta incorporación evocando na intervención do académico Torres Queiruga a figura de Lago González. E as intervencións musicais que se sucederon no palco, na entrada da cidade e durante o percorrido, foron unha homenaxe á música popular que tan grande protagonismo acadou a través de orfeóns e posteriores agrupacións corais. Os fragmentos dos discursos lidos polos académicos diante do teatro histórico quixeron salientar o carácter reivindicativo do acto e o agradecemento ao pobo de Tui. E, por último, Betanzos, seguindo o fío cronolóxico, foi a homenaxe ás Irmandades da Fala e aos homes que xa encararon a etapa nacionalista. Os discursos institucionais do Presidente da Academia foron vertebrando ao longo do ano do Centenario un discurso esperanzado de cara ao futuro. Cen anos de historia ao servizo de Galicia.
133
Nº 368