BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A Real Academia Galega no seu Centenario (19062006)
Malia estas declaracións, seguía a faltar nesta loita a presenza do pobo, que falaba pero non escribía o seu idioma e que non deixaba de ter certa desconfianza duns homes que escribían pero non falaban a lingua do país. O pobo estaba instalado na fala e os intelectuais e ideólogos reivindicaban a lingua, teorizaban sobre a situación lingüística do país, sobre a xenealoxía lingüística ou sobre o porvir das linguas minoritarias. Pero o que non vai conseguir o rexionalismo, un dos primeiros convites político e democrático para atraer o pobo ás ringleiras nacionalistas, vaino posibilitar en parte a emigración, ese fenómeno paneuropeo de desarraigo dos pobos e das culturas. A emigración galega non é, como adoita verse na nosa tradición conservadora, unha forma apracible de nostalxia que se reflicte como unha especie de doenza psicolóxica. Foi moito máis porque deseguida se estableceu entre o discurso nacionalista ?afirmación e pertenza a unha terra, a unha lingua e a un pobo que comparte unha experiencia histórica común? e a emigración? soidade e estrañamento dese espazo común e compartido? unha relación de consecuencias inesperadas. Non é casual xa que logo que nos cheguen de América os principais símbolos da nosa identidade: himno, bandeira, escudo. E chégannos da man dos ausentes en diálogo coa Academia, que sempre aconsella e informa coa auctoritas de Murguía ata o punto que podemos dicir que, en gran parte, nos conformamos como pobo dende a estranxeiría e non dende a familiaridade dos horizontes coñecidos. A exposición percorre todos estes camiños desde 1846 ata o 28 de xuño de 1936 cando co plebiscito do Estatuto, chegamos ao cumio das arelas de Galicia como pobo, furtado polo golpe de estado franquista.
Nº 368
132