A Real Academia Galega no seu Centenario (19062006)
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
1906, data oficial da súa constitución de iure no salón da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, supón a institucionalización do proceso de afirmación da identidade de Galicia. Todas as forzas políticas europeas estaban a principios do século XX a participar nos apaixonados debates que suscitaba a denominada, eufemisticamente, cuestión nacional, que nos derradeiros anos do século anterior adoptou importantes cambios que marcaron o futuro político de Europa. Entre estes cambios finiseculares está a presenza cada vez máis firme do nacionalismo no campo político seguido da tendencia novidosa a definir a nación en termos étnicos e, especialmente, lingüísticos. Neste preciso contexto estaba excluído da cartografía lingüística todo o que non foran linguas canónicas e institucionalizadas. A Academia Galega é, polo tanto, un instrumento para conseguir esa institucionalización e canonización necesarias. Desde mediados do século XIX, os románticos asumiran un forte compromiso social e revolucionario que consideraba que o pobo atesouraba todas as esencias incontaminadas e que a súa lingua, as cancións, as lendas, os costumes e a música eran a esencia da nación. A busca, a procura dese espírito popular vai ser un dos obxectivos do discurso nacionalista. O movemento fundacional liderado por Murguía ?Sociedade de Arqueoloxía, Sociedade de Folklore, Sociedade de Historia? sempre adxectivado como galego, non fai máis que afirmar esta tendencia cultural de carácter popular. Non nos pode sorprender xa que logo que o noso nacionalismo atopara a súa mellor expresión cultural na literatura e na música, artes que a través da lingua e da canción popular conectan coa poderosa herdanza do pobo. Se Petoefi (18231849) é o poeta nacional húngaro e Mickiewicz (17981855) é o poeta grande de Polonia, Rosalía é a gran poeta de Galicia, que aúna nos seus Cantares Gallegos (1863) música e literatura. A palabra folklore ?a recompilación dos cancioneiros populares, recollida de léxico popular, de romances, etc. ? é unha invención do Romanticismo e vai ter, como veremos, un especial significado para as nacións en construción.
131
Nº 368