BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Como nos 50, nos anos 80 asistimos en Galicia a unha eclosión da lírica. Antón Avilés e, coma el, outros poetas deixan de sentirse sos. É importante decatarse de dous feitos significativos. Antón Avilés podería decidir que con O tempo no espello tiña xa a obra rematada. Poucos poetas da súa xeración traballaran tanto pola creación poética, e grandes glorias da nosa poesía posuían unha obra máis curta. O outro feito é: ¿cal vai ser a partir de agora a xeración de Avilés? El mesmo deixou dito que era un poeta dos 80. Seguramente non o fixo por unha necesidade de definirse xeracionalmente senón para amosarnos que estaba vivo como poeta, e que aínda tiña moita poesía por escribir. Boa parte das correntes renovadoras da poesía galega dos 80 e dos primeiros 90 atravesan a obra de Antón Avilés. Nin que dicir ten que el sería un dos mellores poetas desta etapa. Un poeta exemplar, no puro senso desta expresión. Poetas exemplares ou canónicos, que diría o outro, son aqueles que posúen unha obra que nos fornece de modelos. Aínda que hai excepcións, non creo demasiado nos poetas monocordes. A obra de Antón Avilés é ampla, diversa, fermosamente contradictoria, e suxire varias posibilidades de lectura. As formas de raíz popular, os metros de tradición culta, o emprego do versículo que se achega ó poema en prosa, todo está na poesía de Avilés. É un paradoxo. Un home da vila, cordial, un home coma calquera outro, arrastra tódalas figuras de artista que lle queiramos poñer: o viaxeiro, o explorador, o mariño, o revolucionario. Pero, sobre todo, segue escribindo unha obra. É un poeta infatigable, que explora o territorio máis difícil de todos: a linguaxe poética. Nin sequera a súa militancia política no eido do nacionalismo o afasta daquilo que el considera o máis importante: ser un poeta. Permítome unha reflexión. A diferencia de tantos galeguistas profesionais ou de tantos autores que escollen o poder por riba do saber, Antón Avilés escolle a sabedoría da inocencia. Non, non o é un sensentido: tódalas torres están no ar. Cantos caucanos (1985) é posiblemente o libro máis unitario de Antón Avilés. Neste é quen de recuperar, logo do seu retorno, as paisaxes colombianas. En certo senso é un libro de poesía latinoamericana, escrito en galego. Léndoo un pode atopar descricións paisaxísticas, temas ou ambientes semellantes ós de certo Pablo Neruda ou ó poeta venezolano Vicente Gervasi. É Antón Avilés, por recorrer ó título nerudiano, un residente na terra. Convén decatarse de que Residencia en la tierra foi escrito, tamén, desde un auténtico Harar. Neruda en Birmania foi rimbaudiano na vida práctica e en todo. O noso poeta terrestre escribe As torres no ar (1989). Non, as torres de Antón Avilés non son as decadentistas torres de almafí, que tamén puideran ser. Unha definición do poeta Avilés: aquel home que fai torres no aire. Un ser distinto, na tradición que arrinca dos románticos. Pero, se vemos as cousas desde outra perspectiva, tódalas torres están no aire e na terra. O poeta soñador pode ser tamén o que reflexiona sobre a terra. A terra como eido do colectivo, como paisaxe. Toda a lírica de Antón Avilés afirma, dun xeito coherente, as súas conviccións de poeta.
Nº 364 182