BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
expresión, como podemos dicir que a pintura de Lugrís é, no bo senso da expresión, literaria. Xanelas abertas ó imposible. Ollos de boi de fantásticos navíos ancorados en terra. O navegante é un dos mitos de artista por excelencia da poesía de Antón Avilés. Ulises e Nemo son algunhas das súas máscaras. Pero, para dicilo todo, o mar real non está ausente desta obra. Significativos poemas como ?O pé do mariñeiro? dannos unha visión dos traballos e dos días da ría de Noia. Poemas seguramente popularistas, pero dun popularismo transcendido e non demagóxico. A segunda lenda de Avilés é a súa marcha a Colombia. Négome a considerar que o emigrante sexa, en estricto senso, unha figura de artista, debido ás implicacións sociais e políticas que a emigración ten no noso país. E, sen embargo, non é menos certo que, desde Curros (e este si que pode ser unha verdadeira figura de artista) algúns dos nosos mellores poetas se viron obrigados a emigrar. Afogados seguramente pola época que lles tocou vivir. Ser un verdadeiro e gran poeta ten o seu risco en certas sociedades, en certos medios culturais. Sabémolo desde que os románticos ingleses escaparon do seu país. A historia de dous séculos de poesía occidental é tamén unha historia tráxica. ¿Quen disparou a bala que matou a Pushkin?, ¿non padeceu persecución o xigantesco Hugo?, ¿o mesmo Rimbaud non é un exiliado? E unha última pregunta: ¿cantos mártires entregou a poesía ós conflictos e ás dictaduras do século XX? A figura de artista do poeta púxose en perigo. Recórdanolo a muller de Mandelstam nunha das mellores vidas de poetas escritas no século XX, Contra toda esperanza. Coa súa marcha a Colombia, Avilés cumpre o destino do viaxeiro. Non escolle unha cidade cunha colonia galega significativa. Bogotá non é nin A Habana nin Bos Aires nin Caracas, cidades coas que está ben familiarizada a poesía galega. Ningún poeta galego levou tan lonxe a fronteira da nosa poesía. A unha verdadeira Abisinia inexplorada, moitas veces hostil, sempre apaixonante. Como Neruda, posuía Antón Avilés unha gran capacidade para desencadear, dentro dun poema, importantes movementos telúricos. Contaxiada pola terra quente, a poesía de Avilés non deixa de medrar. Mentres, el é un desaparecido. Salvando as diferencias entre as súas linguaxes poéticas, o libro de Celso Emilio Ferreiro, Terra de ningures (1969) capta territorios semellante ós de Antón Avilés. É Salvador GarcíaBodaño o primeiro que intenta chamar a atención sobre a obra do poeta transterrado nunha ?Noticia de Avilés de Taramancos?, publicada na revista Grial no ano 1971. A reivindicación de Bodaño non pode ser máis explícita: ?A súa producción poética, dunha calidade e dimensión xa pouco frecuente, é así talmente como unha fervenza limpa, incontible, a borbullóns ou como un vento racheiro insospeitado que abrangue as cousas?. Linguaxe de poeta para reivindicar a outro poeta. Pero GarcíaBodaño, ademais, contribúe á creación da lenda de Avilés de Taramancos. Así se abre a ?noticia?: ?Poucos personaxes que non sexan entes de ficción, acaNº 364 180