Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
e intimamente andabas polos tellados vestido de astronauta galego.
Traio a conto este fragmento para indicar que Antón Avilés é un deses poucos poetas galegos ó que non lle cae abaixo o versículo. Creo que isto é debido ó feito de ter moi ben disciplinado o oído na poesía e na métrica tradicional. Incluso a un poeta tan formalmente coidadoso como Iglesia Alvariño, véñenlle abaixo, algúns experimentos de Nenias. O mellor que se pode dicir de todo verso libre e, en particular, dos versículos é que non sexan prosa cortada. Hai un lugar intermedio, entre a prosa e o verso. Para escribir ben o verso libre hai que escribir ben a prosa. Unha das zonas da poesía de Avilés sería incomprensible se non a relacionamos co mundo simbólico de Urbano Lugrís. Hai un surrealismo avilesino que é puramente lugrisiano. Refírome a un tipo de imaxe visionaria que só é posible entender con ollos de pintor e non con pirotecnias de escritura irracional. Cando Antón Avilés é surrealista éo á maneira de Lorca ou de Neruda, nunca á maneira do refugallo surrealista. Vaino ser, sobre todo, á maneira de Lugrís. Tanto os cadros de Lugrís como os poemas de Avilés son a expresión é do propio poeta ?xanelas abertas ao imposible?. Surrealismo de visión, e non de palabreo. Cando Antón Avilés describe o mundo pictórico de Urbano Lugrís é coma se crease un poema en prosa, que leva a súa marca persoal.
O hipocampo. O violín morto no mar. A singladura entrevista na néboa da lenda alumiada pola luz fantasmal dun faro ignoto. Urbano arrendara un traxe de buzo na dársena e dispúxose a pintar no fondo do mar. Foi o único pintor submariño da cultura occidental. Había, según me decía, outro, un xaponés que pintara todo o curso dun río en miles de metros de papel de arroz, con todos os canavais e salgueiros das orelas, con todas as troitas e as herbas do fondo, coa voraxe e o tono da auga. Pero o mar desde dentro era de Urbano Lugrís. Era tamén o mar do Orzán. O mar das Cíes e Sisargas. O mar das Descobertas de Vespucci e de De la Cosa pasado pola peneira de Xulio Verne, dos mitos celtas, dos fogos de san Telmo. Das viaxes de San Barandán. O canto da sirea atrapouno e impremeulle o seu selo de navegante perdido no tempo.1
Xanelas abertas ó imposible. Mar desde dentro. Como Lugrís, Avilés é un dos grandes poetas do mar. Quizais isto sexa como non dicir nada, pero voume atrever a precisalo. Coa publicación de De catro a catro, Manuel Antonio pasou a ser o gran poeta do mar. Érao para Lugrís, e seguramente para o propio Avilés. Pero debemos decatarnos dunha cousa. O mar de De catro a catro, aínda que está contemplado desde unha perspectiva moderna e cunha ollada que transgride as nocións do espacio e do tempo, é un mar real. Está xulgado cunha ollada nova, diferente e inédita, pero é real. O navegante de De catro a catro pode ser un mariño metafísico pero é un mariño mercante. Na poesía de Antón Avilés son abondosas as mencións á obra de Manuel Antonio, da que aproveita tanto os contidos simbólicos como certas palabras claves. Sen embargo o seu é un mar ensoñado, fantástico, imaxinativo. Un mar literario, no mellor senso da
179 Nº 364