BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Antón Avilés non deixou de reivindicar o maxisterio de Urbano Lugrís. En certa medida, foi o grande poeta que Urbano Lugrís podería ter sido, e que non quixo ser. Refírome a un poeta que se manifesta nos versos e non nos cadros. Posiblemente, un poeta de raíz popular como Antón Avilés convértese, en contacto con Lugrís, nun poeta culto. Nin a abraiante personalidade de Urbano Lugrís nin a dolorosa bohemia que comparten, afastan o mozo da poesía. No ano 1955, nunha separata da revista Atlántica dáse a coñecer con As moradías do vento, ó que segue en 1959 A frauta io garamelo. Aparentemente, a obra de Antón Avilés ocupa un lugar marxinal na vizosa, plural e interesante poesía galega dos anos 50. Esta etapa de rexurdimento cultural é unha encrucillada de case tódalas correntes da lírica galega do século XX. O gran Ramón Cabanillas culmina a súa obra maxistral con Samos (1958) e deste mesmo ano é Centileos nas ondas, posiblemente o mellor libro de Gonzalo López Abente. Álvaro Cunqueiro reedita, lixeiramente ampliado, Cantiga nova que se chama riveira (1957). Os Eidos (1955) de Uxío Novoneyra convértese nun libro de culto, sen esquecer o seu complementario Terra Chá (1954) de Manuel María, que nesta mesma data publica Advento. Fabulario Novo de Cuña Novás (1952), O soño sulagado (1955) de Celso Emilio Ferreiro. Do Sulco (1957) de Xohana Torres tamén merecen ser mencionados. No ano 1959, Sombra do aire na herba instala, definitivamente, a Luís Pimentel na nosa paisaxe poética. Aquilino Iglesia Alvariño ten tódolos merecementos para fechar esta etapa con De día a día (1960). Sen embargo os poemas de Avilés son esas xoias que engrandecen unha literatura e, en particular unha poesía. Tanto como unha obra, pequena en dimensións e grande en méritos, que me autoconcedo o dereito a reivindicar e coa que os poemas novos de Avilés gardan non poucos puntos de contacto. Refírome ó semisecreto Escolanía de melros (1959) de Faustino Rey Romero. Teño para min que unha das características de toda a obra de Antón Avilés é a extraterritorialidade. Quen escribe desde Harar está fóra de calquera territorio coñecido. Extraterritorialidade que ficará reafirmada a raíz da súa marcha a Colombia en 1961. Pero non debemos chamarnos a enganos, un poeta extraterritorial como Avilés ten os pés ben afirmados na terra. Podemos ler a Antón Avilés a través de Lugrís, pero tamén podemos ler a obra e o personaxe de Urbano Lugría a través de Avilés. Sabedor de que a lenda lugrisiana é algo que lle concirne, porque forma parte da súa propia lenda, Antón Avilés dálle unha resposta na súa propia obra. A serie ?A Urbano Lugrís? e ?Pranto por Urbano Lugrís? son, desde a miña perspectiva, uns dos cumes da poesía de Antón Avilés. Non é pouco conseguir retratar un personaxe tan hiperbólico, manifestarlle a súa lealdade e facer profesión de fe romántica.
Érala derradeira esperanza do mundo. Pastor de naves, cun corazón multicolor de trirreme fenicia, amábala rota fundamental dos exploradores celestes
Nº 364
178