Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
ta na vida práctica e en todo?. Está tomada do Manifesto surrealista, publicado por André Breton no ano 1924. Descoñezo se Antón Avilés tomou en consideración estas dúas citas. Supoño que si. É un feito que a cuestión rimbaudiana chega ata Última fuxida a Harar. Na poesía galega hai unha Rosalía heineana, un Pimentel laforguiano e, aínda dun xeito máis explícito, un Avilés rimbaudiano. É coma se Avilés nos dese, a través de Rimbaud, a clave na que hai que ler o libro e, en certa medida, algún dos capítulos centrais da súa obra. Por certo, non hai en ningún poema de Última fuxida da Harar ningunha mención explícita á figura, ó mundo, ó que Rimbaud representa na poesía moderna. Abonda co título e coa cita de Rimbaud; a outra é de Hölderlin. Acaso ese ?cazador alucinado? sexa AvilésRimbaud. O Harar de Avilés é, como o de Rimbaud, un lugar ó que fuxir, un territorio no que deixar de escribir poesía. Harar pode estar en Abisinia, en Colombia ou dentro dun mesmo. Antón Avilés dinos que xa estivo en Harar, porque se hai unha última fuxida tivo que haber, cando menos, unha primeira fuxida a ese lugar. É dicir, que a diferencia de Rimbaud, Antón Avilés regresou de Rimbaud e volveu escribir. Por honestidade e necesidade, nin sequera en Harar abandonou a poesía. Unicamente a morte, ese espacio de enmudecemento, afasta o creador da súa obra. Rimbaud foi, entre outras cousas, un poeta xenial, un mozo irreverente, un revolucionario nas barricadas parisinas, un aventureiro, un traficante. Pero non nos enganemos. Repasando as biografías, non sei se reais ou apócrifas de Antón Avilés, atopamos un personaxe semellante. A dicir verdade, sempre me sentín desconcertado polas aventuras avilesinas porque me impedían fixar a miña atención na grande aventura humana do poeta de Taramancos: a súa inmensa obra poética. É posible referir á obra de Antón Avilés algúns dos mitos de artista anteriormente citados: o bohemio, o mariño, o viaxeiro, o revolucionario. Sen embargo, permanece a súa obra. A biografía literaria de Antón Avilés está chea de lendas atractivas. Tanto é así que corremos o risco de lelo a través do seu personaxe. A primeira delas preséntanos un poeta vocacional que se mergulla na bohemia coruñesa dos anos 50. Unha bohemia hiperbólica, fascinante, seguramente dolorosa. Neste tempo Antón Avilés fai unha curiosa parella literaria con Urbano Lugrís. Urbano Lugrís podería representar por si só un dos máis grandes mitos de artista da Galicia contemporánea. Bohemia, divino fracaso, conflicto entre o mundo ideal e o mundo real, e un mociño que se atreve a poñerse á sombra dun personaxe asombroso. Como é sabido, Urbano Lugrís é moitas cousas a un tempo. É unha das pólas terminais da ?Cova Céltica?. É un pintor que coñece moi ben tanto a grande tradición pictórica como a arte de vangarda. É unha antoloxía andante de poesía europea; Avilés sempre lembraría os recitais que lle daba Lugrís dos grandes poetas europeos, na súa lingua orixinal. Por se fose pouco, estaba magnificamente dotado para a poesía.
177 Nº 364