BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Os ingleses crearon un singular xénero ensaístico, que podería ser definido como a defence of poetry (unha defensa da poesía). Hai varios ensaios que levan este título, o máis coñecido é o de Shelley, publicado postumamente pola súa muller. Aquí é onde atopamos a afirmación citada anteriormente, a saber, que os poetas son os lexisladores non recoñecidos do mundo. Así mesmo, entre as ruínas da Enciclopedia, o fragmentario ten vocación de converterse nun xénero literario, e nun espacio onde o poeta exerce o labor da crítica. É case un paradoxo que os alemáns, tan afeccionados ós sistemas filosóficos, conseguisen categorizar o fragmento como un auténtico xénero da escritura. Nun dos seus, Novalis dinos: ?a poesía é o auténtica e absolutamente real. Isto é o cerne da miña filosofía. Canto máis poético, máis verdadeiro?. Non deixa de ser sorprendente que, desde esa corrente que se dá en chamar idealismo alemán, se faga tanta énfase no realismo da poesía. Todo lector medianamente atento detecta qué libros de versos defenden a poesía e cándo hai un auténtico poeta detrás deles. Non é un descubrimento indicar que Antón Avilés foi sempre un defensor da poesía, e que se atreveu a contestar a pregunta: ¿que é un poeta? A súa resposta é, fundamentalmente, a dun romántico:
O poeta é un cazador alucinado atrapa a verba, atrapa a bolboreta que se queima en faíscas de contado; atrapa mesmo un soño de poeta.
Non é unha casualidade que estes versos pertenzan a Última fuxida a Harar (1992). É este o seu derradeiro libro de poemas, que ten o valor dun testamento lírico. Xa no título, o poeta galego réndelle unha homenaxe a Arthur Rimbaud, e ó lugar no que este viviu, alá en Abisinia. Arthur Rimbaud e Harar encerran un dos máis complexos mitos de artista da poesía moderna. Para moitos autores, non só para os rimbaudianos confesos, Harar é un símbolo. Hai un lugar no mundo, lonxe da civilización, onde o poeta deserta da poesía. Rimbaud foxe da bohemia parisina, e renega da súa propia obra poética. Por obra e gracia do azar, mentres redacto estas liñas, atopo unha opinión de Fernando Pérez Barreiro, contida nun artigo sobre Manuel Antonio, ?Acenos náufragos?, publicado no ano 1973, que non me atrevo a pasar por alto: ?Desde que Rimbaud se foi ás terras outas do Harar etíope, hai que tremar antes de poñerse a escribir poesía?. O mito de Harar foise creando, desde os parnasianos ós surrealistas, como se creaba a mesma lenda de Rimbaud. Saiba o señor Rimbaud que non xulgamos os móbiles dos homes e que teña a seguridade da nosa completa aprobación (tamén da nosa fonda tristura) con respecto ó abandono da poesía, sempre, como non dubidamos, que este abandono sexa, para el, lóxico, honesto e necesario. Quen escribiu isto, como o lector coidadoso intuirá, foi o propio Paul Verlaine, en Os poetas malditos. Un fío conductor lévanos a estoutra sentencia: ?Rimbaud é surrealisNº 364 176