BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Nun traballo noso, que axiña verá a luz, tentamos probar, con máis detalles, que a geada, é un fenómeno causado pola presión do castelá sobre o galego; unha protesta contra este primeiro intento de adaptación, frustrado pola burla dos oíntes casteláns, e que, pola presión engadida da lingua dominante, remátase por aprender a articular o iota, pagando como prezo, a creación dunha seguridade articulatoria do gue nativo, resultado da burla coa que se censuraba o primeiro intento de adaptación. O recordo das primeiras substitucións de 'J' por 'G', aínda hoxe presente na xente menos cultivada, provoca que se termine desterrando da lingua tradicional o son 'G' e se substitúa por un iota. Todos estes episodios da historia lingüística dun galego falante que se ve obrigado a aprender o castelán, non nos cabe a menor dúbida que contribuíron a aguzar a conciencia lingüística de Fr. Martín, deles nace a súa virulenta protesta contra a invasión castelá de Galicia. Protesta que se reafirma co paso dos anos, e sobre todo na segunda parte da súa vida cando volve tomar contacto coa lingua que ten mamado, é dicir arredor de 1745, época da súa segunda viaxe a Galicia, e máis tarde polo 1754, cando realiza a terceira e última. Será a raíz da primeira cando naza nel unha especie de plan de defensa e ilustración de la lengua gallega, ó que vai consagrar a maior parte dos seus escritos de inspiración propia, (que como é natural se vían interrompidos polos de encargo ou suxestión allea) e que fundamentalmente son os seguintes: Colección de Voces y Frases Gallegas (17461770 ou 1771), Onomástico Etimológico de la Lengua Gallega (17571769, Elementos Etimológicos según el Método de Euclides (17581766) e o Catálogo de Voces Vulgares y en especial de Voces Gallegas de Diferentes Vegetables (17451757). O curioso é que a presión do castelán foi tan grande que como el mesmo nos di: ?En treinta y cinco años que faltaba de Galicia apenas había estado tres meses (os tres da primeira viaxe, 1725, de Oviedo a Pontevedra) en aquel Reino, y casi me era ya desconocido el idioma gallego, y sólo me acordaba en confuso de las voces que había mamado? (Elementos, BRAE, XV, 672). Tan verdade era isto que cando no ano 1726 e parte do 27 estivo en Toledo co Padre Mecolaeta catalogando o arquivo da catedral, a pesar de ter nas súas mans o códice toledano de Las Cantigas de Alfonso X O Sabio, non o examinou co detemento e afecto que sería de esperar, e el mesmo recorda, na carta ó Padre Rábago que inicia a Colección de Voces y Frases Gallegas ou Glosario: ?dije arriba que no leí cosa escrita en gallego. Acordéme después que el año de 727 vi en la Biblioteca de Toledo un códice manuscrito, en pergamino y en folio, que contiene los Dezires o Coplas que hizo el rey don Alonso el Sabio en loor de Nuestra Señora y sobre los milagros que obró con su padre San Fernando. Vi dicho códice, pero como no estaba allí para leer y copiar para mí, sino para coordinar, no puedo decir que le leí.? A súa primeira viaxe a Galicia do ano 25 non logra espertar a súa conciencia lingüística galaica; primeiramente amósase como curiosidade puramente filolóxica, científica, desapaixonada, despois vai cobrando vigor e o lingüístico acaba por facerse social.
Nº 363 126