BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
infierno las Soledades de Góngora, vayan por las ventanas y a la cueva de los leones la Escuela de Daniel. Si hace ahora cuarenta años hubiese dado en el chiste de leer entremeses, estaría más adelantado: viviría más lícitamente divertido y sin tantas destilaciones? (Cartas, CEG, X, p. 320). Este momentáneo desafogo, que o editor das citadas cartas considera irónico, sen razón ningunha, e proba con que vería o éxito das produccións dramáticas curtas, responde a unha afección, desde sempre moi arraigada nel: ó estudio da lingua popular, das expresións conversacionais, vulgares que, a cotío advirte, son tanto ou máis interesantes cás da fala refinada. En resumo a formación dunha mentalidade lingüística en Sarmiento, parécenos debida a unha necesidade de aprender unha lingua que descoñece, o castelán, que lle esixe unha maior atención, en parte para esquecer os seus dialectalismos galaicos, en parte para unha exacta comprensión dunha lingua que ignora. Esa continua vixilancia da súa expresión, condúceo inconscientemente a reparar en toda variedade dialectal que observa, e a buscar o exacto significado de cada voz que oe ou le. É tan antiga coma a súa toma de contacto coa ciencia, que sempre foi para el castelá, é a única clave dun problema de comunicación, como el mesmo nos di, que se non se comprende péchase toda posibilidade de entenderse e ser entendido. Sabe isto moi ben; xa desde os seus anos de estudiante salmantino dáse conta de que ?más de la mitad de lo que se disputa en las aulas se reduce a cuestiones de nombre, a porfías, voces y patadas, de lo que, aún siendo mozuelo, he sido testigo de vista?. (Educación Juventud, p. 194). Por isto convén fixar moito a atención nas palabras, estudialas a fondo, saber os seus primeiros significados, saber cómo funcionan na boca da xente do pobo, e saber por fin que sen dominalas non se domina o saber. A publicación do Diccionario de Autoridades lévao ás súas primeiras observacións etimolóxicas, a polémica arredor da obra de Feixoo ábrelle os ollos sobre a súa importancia; coa súa segunda viaxe a Galicia entra o galego na esfera do seu interese lingüístico, ata agora a penas lembrado. Os libros de viaxe, lectura favorita, que compensaba a sedentaridade da súa vida, prepárano para a observación da Historia Natural, enraizada xa no seu cerne cos problemas lingüísticos que introduce o nome vulgar de cada ser vivo. Os nomes das vilas, ó tratar de explicalos, lévano á toponimia; e tamén sería doado pensar ó contrario: os nomes das plantas, de animais, de vilas lévano ó estudio da Historia Natural, da Xeografía Histórica, da Toponimia. Porque en todos estes estudios é a faceta lingüística a que predomina, a que os conforma e xustifica; é aquel inmenso baleiro de cousas que no ano 1744 suspiraba por axustarse naquela cabeza chea de palabras, á realidade da vida. A segunda viaxe compleméntase e intensifícase coa terceira que aumenta aínda máis a súa preocupación polo galaico; xa non será o lingüístico senón tamén todo o social e humano relativo á terra que o viu nacer, o que entrará nas súas preocupacións. Desde 1745 quedan definitivamente apresados no interese científico de Frei Martín: o castelán, as súas variedades dialectais, a lingua diaria, a lingua culta, o galego, a historia da linguaxe, todo incluído nun conxunto que ten como obxectivo esencial a explicación ou etimoloxía de cada voz.
Nº 363 140