BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudo
participantes frecuentaron con asiduidade o trato epistolar con don Diego; a lectura cronolóxica dese legado permitiunos aclarar pasaxes que se presentaban escuras. O resultado ten valor en si mesmo, xa que nos ofrece unha serie de escenas xustapostas que debuxan un amplo panorama da Galicia da Idade Moderna, aspectos de padroado e redes clientelares ou familiares, capítulos da milicia e do papel da fidalguía na defensa das costas fronte á piratería, ou aspectos da cultura material e da vida cotiá; pero, ademais, o comentario histórico destas cartas axuda a aclarar a situación comunicativa en que se producen. A identidade dos que se comunican ?estatus social, oficio, formación, ideario...? e mais o grao de familiaridade e posición xerárquica son cuestións que preceden a calquera aproximación aos aspectos sociais da lingua. Neste caso cobran especial importancia, porque este monllo de textos revela unha práctica de escrita en galego no ámbito epistolar privado que se liga á presenza nun certo tipo de literatura efémera ?con testemuños conservados grazas ao mesmo afán coleccionista de Diego Sarmiento de Acuña (Álvarez/Montederramo 2002)? e se opón á nula presenza noutros ámbitos da cultura escrita. 1. O SISTEMA GRÁFICO Como é habitual nesta época e se espera dun grupo de correspondentes tan heteroxéneo, os textos analizados presentan numerosas heterografías. A disparidade gráfica concéntrase sobre todo na representación dos fonemas afectados polo cambio diacrónico entre a lingua medieval e a lingua moderna, na que seguramente non faltan distintas solucións ou distintos ritmos de carácter diatópico. Na nosa exposición concentrarémonos sobre todo nestas. Cómpre advertir, con todo, que, aínda que a heterografía é unha constante da escrita medieval, é posible establecer uns modelos gráficos aceptados como típicos, que nos servirán de contraste para avaliar estes textos. En xeral advírtese unha notable evolución respecto da tradición gráfica medieval, visible sobre todo na ausencia de til e na prevalencia de grafemas que non eran os escollidos outrora nas mesmas palabras, así como algunhas innovacións gráficas para representar un sistema notablemente evolucionado. Iso fai que, xa desde unha primeira ollada superficial, a grafía das cartas se asemelle á do galego moderno e non á dos últimos textos notariais, de principios do século XVI. 1. Na representación de /i/ alternan , que comparten un signo maiúsculo similar. Como núcleo de sílaba o grafema normal é ; con este valor, ocorre ou de forma esporádica (unido ao trazo seguinte, como a sinatura de [1596Obeso] e [1603Serra]) ou como trazo persoal reiterado nas dúas cartas de don Diego Sarmiento, ; algúns correspondentes tamén usan con certa profusión , con frecuencia en posición inicial (yrmaoõ, yrá... [1603Serra]; yrá, yndias, ymbiei, yrmau [1604Moscoso]; ysto, ynjmjgos, ynverno [1605Achas]), pero non só (aquy, escrevy, hay 'aí' / m?nas, coysso... [1603y Serra]; aynda [1604Moscoso, 1605Achas]).
Nº 366 226