BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
respecto da cultura galega e mesmo do idioma. Son versos de profunda arnela patriótica nos que resulta máis importante a mensaxe que a propia composición literaria. Logo, en 1928, entrega o poemario As Mariñas de Sada, patrocinado polas sociedades de emigrantes en América, no que canta as belezas do berce natal e que serve para que lle dean o seu nome, unha vez proclamada a República, á vía principal da vila mariñá, e que é eliminado do nomenclátor desde que un pouco de comezada a rebelión fascista de 1936, aínda que anos máis tarde se reintegrou o seu apelativo a unha rúa secundaria. Está nun intre de exaltación interior que xa tivera os seus antecedentes un ano antes co libro de poemas Ardencias, dedicado á mocidade galega ?porque mantén acesas no corazón as ardencias pola nobre causa do noso rexurdimento?, considerada por algúns críticos a súa mellor obra lírica, que é tamén, en certo modo, un canto continuo a todo o que representa a paisaxe e o carácter dos galegos nunha plástica común. O poema ?Fragachan?, tamén incluído en Versos de Loita, recitouse, denantes da guerra civil, en todas as escolas da bisbarra mariñá, como lectura recomendada. Transcendente resulta a publicación das dúas edicións da Gramática do Idioma Galego en 1922 e 1931, que se asocia cun vocabulario castelángalego das Irmandades da Fala que sae á luz en 1933 e da que o propio Lugrís di, a xeito de xustificación, no limiar ?Inda que moitos non o crean, teño a seguranza de que a fala galega, mais que a raza, mais que o propio chan, e o reflexo da nosa alma, o factor estático, mais esgrevio, o espello do noso ethnos, a hostia sagrada coa a que os bos e xenerosos comulgarán de cote no altar da Terra, coa cobiza de a ver grande e libre?, e Antón Vilar Ponte escribe que ?con esta gramática e co vocabulario, que anda a ultimar Manuel Lugrís Freire, vocabulario serio, culto, escrupuloso; feito a conciencia, o noso idioma poderá ser cultivado de xeito formal por cantos desexen facelo?, chamando ao autor mais adiante ?galego sempre exemplar? e ?benxamín dos Precursores e o evanxelista dos Continuadores?. Porén a obra suscitou opinións contrapostas. Victoriano Taibo di que ?convén enterarse desa gramática ainda que non sexa mais que para facelo contrario do que dispón?, opinión completamente oposta á que tiña Vilar Ponte. En calquera caso este libro foi requirido, como xa dixemos antes, en numerosas ocasións por institucións alleas, das que sabemos, o Instituto Iberoamericano de Berlín e o Departamento de Linguas Estranxeiras da Universidade de Illinois, amén de asociacións como o Centro Galego de Barcelona, Bibliotecas, e sociedades de Estudos. Por certo, nun intre determinado, Lugrís sopesa as posibilidades que ofrece o reintegracionismo lingüista e nunha carta que escribe en 1928, na súa condición de académico, pode lerse: ?Escríbolhe con grafía portuguesa pela razâo de que agora a mocidade galega face tal jeito de modificacôes que acredito que debemos de voltar os nosos olhos ao portugués, ja que nâo ha meio de concordarmos na escriptura?. O que permite albiscar unha singular preocupación no sentido de achegarse ao seguro da universalidade da expresión lusa como a meirande garantía de futuro para a pervivencia do galego.
Nº 367 72