BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudio
Isidoro Millán decide renuncialo 12 de xuño de 1978 porque o día anterior o plenario da Academia non elixiu, como membro numerario, a quen era o seu candidato, o profesor José Carro Otero, ?Correspondente de dúas Academias Nacionais, a Real da Historia e a de Belas Artes de San Fernando; que é Correspondente da Galega dende hai máis de dez anos...; que, aínda mozo, é mestre eminente de Antropoloxía e de Anatomía; que, formado co Instituto Arqueolóxico Alemán, é excavador e museólogo competentísimo e que, por riba desto, acumula montes e moreas de pubricacións, conferencias, artigos, participación en congresos, etc., centrados moitos deles en asuntos de Galicia...?. Sabemos que algúns académicos fixeron xestións diplomáticas para que Isidoro Millán reconsiderase a resolución persoal formulada na carta de xuño do 78. Foron inútiles. Se nos atemos ós termos da carta, hai que supoñer que a non elección de José Carro Otero ?fosen ou non amigos? significaba para Isidoro Millán un rexeitamento das súas propostas transformadoras. Así o entende e o explica na súa carta. Asinaran a proposta de Carro Otero, con el, Antonio Fraguas e Antonio Meijide Pardo. 3. LETRAS CLÁSICAS, LETRAS GALEGAS 3.1. TRADUCTOR DO LATÍN, TRADUCTOR Ó GREGO CLÁSICO 3.1.1. Traduccións varias Ten sona merecida entre os nosos letraferidos Morte na Catedral (1973), traducción de Murder in the Cathedral (1935), de T. S. Eliot, autor ó que lle dedicara unha necrolóxica no número 7 de Grial (1965). Nese recordatorio, subliña Millán a ?vocación europea, adentramento nas literaturas románicas, temperamento aristócrata, visión cristián e xerárquica da Cultura?. En Grial, anos despois, publica, en edición bilingüe, ?Randa. Pranto polo fillo morto?, traducción do lituano, unha mostra máis da súa amplitude de filólogo. Nesta liña está a versión que fixo do poema ?Altas undas que venez suz la mar? do trobador provenzal Raimbaut de Vaqueiras, tamén traducido, despois, por Camilo Flores3. Publicouse nunha folla especial do Diario de Pontevedra titulada ?Voces y liras de la Romania. Tres versiones gallegas de...? (1591963). Contén, ademais da traducción do trobador provenzal, a de dúas odas de Horacio: Carmina, I, 7 e III, 13. A primeira xa a publicara en La Noche, tres anos antes, co título ?Poema de Teucro errante?, o 13 de agosto de 1960. 3.1.2. Dúas odas de Horacio e un poema de Catulo Hai que supoñer que Millán se interesou pola I, 7 (?Laudabunt alii...?) porque nela se fala de Teucro, o lendario fundador de Pontevedra; de aí o título da súa versión: ?Poema de Teucro errante?. En carta do 21 de agosto de 1996 contesta unha pregunta miña: ?O traslado da oda de Teucro foi motivado, que me eu lembre, co gallo da festa da Peregrina, en Pontevedra. É unha simple paráfrase en prosa rítmica, feita á presa, con desaxustes patentes, texto do que non volvín a me ocupar ata agora, mercé ó teu envío e inquérito?.
Nº 364 232