BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Vexamos un par de exemplos máis, de distinto carácter ós anteriores, de erros de copia de C. Sarmiento pon na boca de dous dos seus personaxes cadansúa versión dun expresivo proverbio. Xepiño pónselle moito a Minguiña: ?Sempre estas Mulleres / contan por rodeos, / fian por alfergas / e falan por cestos27? (A 576), dito que os homes debían aplicar ás mulleres para burlarse da súa pretendida afección á latricar. A isto as mulleres podían retrucar como Minguiña fai a Xepe: ?Mais todos os homes / queren, jà sabemos, / falar por alfergas, / atricar por cestos? (A 589). O sentido parece abondo claro: xógase co contraste de significado do par alfergas / cestos opoñendo o tamaño minúsculo das primeiras coa amplitude dos segundos. Para un copista que ignorase o galego, a palabra alferga debía resultar descoñecida, e por tanto o sentido do proverbio enigmático. Así, o amanuense de C no primeiro caso leu Alferxas e no segundo alferjas, probablemente reinterpretando o galego alfergas como o castelán alforjas; a relación de contigüidade semántica de alforjas e cestos axudaría a esta errónea interpretación. Neste senso, é significativo o distinto comportamento de C e de B, pois o segundo, realizado por un copista galego, ofrece a forma correcta, alfergas28. Outro caso curioso de erro por reinterpretación do orixinal xorde un pouco máis adiante, cando, a falar de instrumentos musicais, dise: ?Hums como asubíos / frautas ou punteiros; / outros como chifres, / è de buxo feitos? (A 814). Ó copista de C punteiros non lle debía soar a instrumento musical coñecido, e leu Pandeiros. 5.2. A recopia da Colección Dávila ( D) A Colección MedinaSidonia foi a fonte de dúas (re)copias dos escritos sarmentinos: a Colección Dávila ou da Biblioteca Nacional de Madrid (D) e a Colección Los Heros ou da Real Academia de la Historia (E). Por razóns que non se explicitan, a última non foi tida en conta polos editores recentes, a pesar de que consta, por outros escritos, que é máis fiel á súa fonte cá primeira. Non imos considerala no presente traballo, aínda que nos reservamos a posibilidade de estudiala no futuro. A copia Dávila ten un interese especial, pois constitúe a fonte única da edición de López Peláez (véxase máis abaixo), e a máis importante para a de Pensado (citada máis arriba, e sobre a que volveremos). A dependencia de D a respecto de C faise evidente nos puntos que acabamos de indicar no parágrafo anterior: acentuación, alferxas, pandeiros. Pero, como era de esperar, deuse un paso máis na deturpación do texto orixinal. Vexamos un par de exemplos. Nas coplas 1048 e seguintes, Perucho, no medio dun aceso ditirambo do novo monarca, Fernando VI, fai referencia ó seu pacifismo, que o levara a derrogar un impopular degredo ?que prender mandaba / todos os galegos / Dempois que acabassen / de segar?, para seren enviados ?à Guerra muy lexos, / atados con cordas / è espousas de ferro.? Nese contexto, Perucho describe as mañas que os soldados empregaban para capturar os malpocados segadores galegos, desenvolvendo unha serie de comparanzas coas diversas artes de pesca:
Nº 363 104