BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Xaquín Lorenzo Fernández no Día das Letras Galegas
mesmo da informática? Por que non lles podemos chamar ás pezas dun remolque ou dun camión que impiden que o contido que transportan saia polos lados caínzas ou ladrais?, Por que non lle podemos chamar nós devasa ao programa informático que o español coñece coma cortafuegos e o inglés como firewall, que nos permite impedir a recepción a través de Internet de determinados tipos de arquivos non desexados? Sei que a alguén lle poden parecer propostas irrisorias, pero esta percepción en non poucos casos non é máis ca unha manifestación dun complexo de inferioridade, e dunha infravaloración do propio. Porque estas mesmas persoas non se escandalizan para nada porque lle chamemos pluma a unha estilográfica, por máis que nada teña que ver coa pluma de ave que se utilizaba primitivamente para escribir. Trátase de aproveitar o recurso de ?viño novo en foles vellos?. Trátase de aproveitar o noso léxico propio e de enchelo de nova carga semántica para que cubra as necesidades da sociedade actual.
Por todo isto, Xaquín, a RAG ofréceche esta homenaxe e escolleute como exemplo para a nosa sociedade, dedicándoche o Día das Letras Galegas do 2004: a) Pola defensa que fixeches da nosa cultura, recollendo os seus nomes, porque, como di a admirada María Zambrano, nomear as cousas é espertalas, facelas amencer. b) Porque fuches un verdadeiro activista cultural galeguista desde case neno no Seminario de Estudos Galegos. c) Porque soubeches ter aberta a fiestra para dar a coñecer a cultura de Galicia no exterior (Krüger, Schneider, Santos Júnior, Herculano de Carvalho). d) Porque pelexaches coma ninguén pola creación dun Museo Etnográfico de Galicia, que felizmente viu a luz co Museo do Pobo Galego, onde te atopabas tan a gusto porque facía realidade un dos teus soños. e) Porque fixeches felices estes días a moitos rapaces das escolas das nosas aldeas labregas e mariñeiras, que se decataron de que do que ti lles falabas si que sabían, e que sachar as patacas ou pescar ó xeito ou á traíña eran actividades tamén importantes como para saíren nos libros. f) En fin, querido Xocas, polo teu compromiso coa Galicia de todos os tempos. Grazas.
Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2004
Nº 365
244