Alocucións académicas sobre Xaquín Lorenzo Fernández no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
transición nas que coexisten distintos tipos, pero as grandes áreas de distribución tipolóxica estaban perfectamente establecidas no teu traballo. Non fuches un lexicógrafo no senso estrito da palabra, aínda que en Nós publicaches dúas pequenas achegas neste campo: os ?Apuntes de xeografía lexicográfica galega? e ?Papeletas pra un diccionario?. No primeiro recolles 77 palabras de usanza corrente en Lobios, e no segundo regálasnos con 119 palabras que chamaron a túa atención na terra de Lobeira. Un número non desprezable destas voces non foran nunca documentadas nas obras lexicográficas existentes ata ese momento, e algún pequeno erro non é atribuíble a ti, senón a quen interpretou o teu manuscrito, como cando se define a palabra CARRADOIRO como 'Camiño pra levar o esforzo âs leiras?, onde parece que alguén mudou o teu ?t? nun ?f? e o teu ?c? nun ?zeta?, convertendo o ?esterco? en ?esforzo?, e non é o mesmo levar ?esterco? ca levar ?esforzo? por máis que para carrexar o esterco cumpra certamente non pouco esforzo. Pero, á parte destas achegas, toda a túa obra é unha fonte primaria inesgotable de material lexicográfico, e non só polas denominacións que recolles, senón tamén pola precisión nos conceptos e nas descricións. Probablemente dunha maneira inconsciente aplicas case sempre os principios aristotélicos de xénero próximo e de diferenza específica, fundamentos da definición lexicográfica. Ademais, procuras darnos sinónimos dos termos, exemplos de uso, ou a súa equivalencia na nomenclatura científica cando é pertinente. Alguén pode pensar que vivías ancorado no pasado, que considerabas a lingua e a cultura como obxecto de museo. Nada máis lonxe da túa visión, querido Xaquín. A cultura nunca pode ser inmobilista, a cultura é unha continua tensión dialéctica entre a historia, a tradición, que caracterizan a maneira de ser dunha sociedade, e as novas necesidades que xera esa mesma sociedade, por un lado, e as influencias que lle chegan de fóra, por outro. Aspecto este último cada vez máis perceptible nun mundo globalizado coma o actual. Neste diálogo a sociedade unhas veces rexeitará a innovación, outras aceptaraa, e as máis das veces integraraa modificándoa e dándolle forma propia, segundo a súa maneira de ver o mundo. E isto non só afecta ás modas, aos usos, aos costumes, aos obxectos, senón tamén á lingua. Non podemos pechar os ollos á nova realidade que nos toca vivir, cun desenvolvemento científico e tecnolóxico que nos inunda de novos produtos cada día, cunha revolución no sistema de comunicacións que fai que calquera innovación producida no outro cabo do mundo chegue a nós case instantaneamente. Todas estas innovacións veñen acompañadas de palabras que as designan, e calquera lingua, se quere preservar a súa integridade, debe ter capacidade para responder desde a súa identidade a todas estas novas realidades. De aí o gran desenvolvemento da terminoloxía nas sociedades modernas. Pois, tamén neste campo nos deixaches un herdo que debemos de saber aproveitar, enchendo de contido novo voces que designaban realidades da nosa sociedade xa en desuso. E pregúntome, cantas das palabras que recolles na túa Etnografía non poden ser aproveitadas para reutilizar, por exemplo, no moderno léxico da construción, ou do transporte, ou
243 Nº 365