BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Xaquín Lorenzo Fernández no Día das Letras Galegas
fuches un esteo fundamental. Ti tiñas perfectamente claro que as linguas son instrumentos de comunicación social e reflicten en gran medida a maneira de ver a vida de cada pobo, por iso sabías que non tiña sentido estudar a nosa lingua sen estudar os modos de vida da nosa xente, as súas crenzas, a súa maneira de pensar, o seu xeito de divertirse, o seu hábitat, as súas actividades, e os apeiros que usan para levalas a cabo. Non entendías o estudo da etnografía sen a lingua nin da lingua sen a etnografía. Isto foi exactamente o que fixeches por exemplo na túa proposta de Cuestionario para o estudo das embarcacións, que publicaches no número 111 de Nós, xa no ano 1933, onde formulas 115 preguntas sobre o tema dunha maneira realmente maxistral, onde integras o documento gráfico, as características tipolóxicas, os procesos de produción, o seu emprego e utilidade, os modos de uso, e todo acompañado sempre polas súas denominacións. Dóenos que non houbese aínda oportunidade de pasar un cuestionario deste tipo nunha rede mesta do noso territorio costeiro, o que constituiría un documento histórico realmente impresionante. E este mesmo espírito é o que manifestas noutros traballos teus como Vila de Calvos de Randín. Notas etnográficas e folklóricas (do ano 1930) (en colaboración con Florentino López Cuevillas ) ou ?Notas etnográficas da terra de Lobeira. O liño e a lá?, ou As dornas do Porto do Son ou Galicia. Parroquia de Velle (en colaboración con López Cuevillas e Vicente Fernández Hermida). Pero este é o espírito que anima, por riba de todas, a túa obra ?Etnografía. Cultura material?, publicada en Buenos Aires como segundo volume da Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedraio. Serías merecente de que se che dedicase o día das Letras Galegas, aínda que fose só por esta obra, verdadeiro monumento no que se describe con man mestra a nosa cultura material, pero que constitúe ao mesmo tempo tamén a mellor fonte lexicográfica do momento sobre as denominacións que designan as distintas manifestacións desa cultura. Algúns dos teus traballos, dos que é paradigmático o que leva por título ?Nomenclatura del carro gallego?, publicado no ano 1956 na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, son verdadeiras obras de xeografía lingüística, mesmo que lles falte a representación cartográfica dos datos lingüísticos, porque responden ao principio básico desta disciplina: a distribución das formas no espazo xeográfico; requisito que cumpres, e dunha maneira fiable, por certo. Cando elaborei a miña tese de doutoramento sobre o xugo e o carro, o estudo básico de referencia foi este traballo teu, e nunha porcentaxe moi alta de casos puiden corroborar a exactitude das túas informacións. Se excluímos o estudo lingüístico das denominacións debo recoñecer que o núcleo da miña tese estaba xa deseñado na túa ?Nomenclatura?, e eu pouco máis fixen que ampliar os puntos de documentación mercé á oportunidade que me brindou a realización do Atlas Lingüístico Galego. Pero, visto desde hoxe, o teu esforzo foi exemplar, porque ti non contaches cos medios de que tivemos a sorte de gozar Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e mais eu para percorrer Galicia practicamente concello por concello durante dous anos. E o mesmo podo dicir do teu traballo sobre a ?Distribución dos xugos en Galicia?: a distribución dos tipos de xugos que aparece na miña tese unicamente precisa un pouco as fronteiras que ti delimitaches e marca certas zonas de
Nº 365 242