Alocucións académicas sobre Xaquín Lorenzo Fernández no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
cia)? que enviaches para a homenaxe que lle rendeu a Universidade Nacional de Cuyo (1952), ou o estudo que leva por título ?El carro en el folklore gallego? publicado no 1957, nos Anales del Instituto de Lingüística da mesma Universidade de Cuyo. Pero, máis estreita aínda foi a túa colaboración nos Congresos e nas Revistas de arqueoloxía e etnografía que se publicaban no norte de Portugal. Chega con ver a presenza continuada das túas investigacións nos Trabalhos da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia (no Porto), na Revista de Guimarães, no Boletim da Biblioteca Pública de Matosinhos, na Revista de Etnografia (do Porto), n'O Comercio de Porto, nas Actas do Congresso Nacional de Ciencias da População (celebrado no Porto en 1940), nas Actas do 1º Congresso de Etnografia e Folclore (que tivo lugar en Braga no 1956), nas Actas do Colóquio de Estudos Etnográficos ?Dr. José Leite de Vasconcelos? (Porto, 1959), nas Actas do Congresso Internacional de Etnografía (organizado pola Cámara Municipal de Santo Tirso no 1963) etc. Á túa xenerosidade débese que o teu nome non apareza moitas veces explícito en traballos aos que contribuíches decisivamente. Non vou recordar agora a túa axuda e colaboración, unhas veces manifesta polo agradecemento dos seus autores, e outras veces totalmente anónima. Pero, recorda, amigo Xocas as horas que dedicaches, por exemplo, a preparar información sobre Galicia para a obra ?Coisas e palavras. Algúns problemas etnográficos e lingüísticos relacionados com primitivos sistemas de debulha na Península Ibérica? de Herculano de Carvalho, un dos traballos máis completos e máis interesantes realizados en toda a Romania co método ?Wörter und Sachen?, ou a axuda que lle prestaches a Schneider no seu ?Studien zum Galizischen des Limiabeckens?. Nos anos previos á Guerra Civil, Tomás Navarro Tomás puxo en marcha o ALPI (Atlas Lingüístico da Península Ibérica), que se ocupaba de todo o territorio de España e Portugal. Proxecto fanado co conflito bélico, que provocou a interrupción das enquisas, a dispersión dos materiais que fixeron viaxe de ida e volta a Nova York, e que para nós garda ademais o recordo desagradable das tristes circunstancias padecidas por Aníbal Otero, cando realizaba enquisas na zona arraiana de Galicia con Portugal. O deseño do ALPI semellábase máis ao do Atlas Linguistique de la France de Gilliéron ca ao Atlas Linguisticoetnográfico de Italia e de Suíza meridional de Jaberg e Jud. Navarro Tomás era fundamentalmente fonetista, e estaba máis interesado polos problemas estritamente lingüísticos ca polos etnográficos. De aí que o ALPI fose proxectado coma un atlas exclusivamente lingüístico, no que non aparecía un tratamento sistemático do aspecto etnográfico coma o que se dá no Atlas de Jaberg e Jud, e, abofé, foi mágoa que non se incorporase a esta obra a faceta etnográfica. Disto eran conscientes os mesmos enquisadores, e eu vin enquisas de Aníbal Otero con abundancia de debuxos do carro, do xugo, dos apeiros de labranza, e con gran número de observacións marxinais sobre costumes e usos populares. Esta lagoa tratouna de cubrir a Sección de Etnografía e Folklore do Seminario de Estudos Galegos ao redactar o Cuestionario de etnografía, no que ti, Xaquín,
241 Nº 365