BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
E máis en diante pedía un concilio galego.
[449] O máis sensible é cando os que non son galegos, nin saben ben o idioma galego, métense a instruílos paisanos na Doutrina Cristiá, a administrárllelos sacramentos e, en especial, o da penitencia, a exhortalos, e todo en lingua castelá, que non entenden os oíntes. Este punto é asunto dun concilio provincial, no que os aldeáns presenten as súas xustas queixas, para que non se produzan tantos absurdos enormes do abuso contrario. Para maldita a cousa se necesita en Galicia a lingua castelá, chegoulle durante algúns séculos a súa lingua galega, que tanto apreciou o rei Don Alfonso o Sabio e, se cadra tamén, o seu pai San Fernando, porque consta que de neno se criou en Galicia (Ibidem:449) 32.
En certa ocasión conta unha anécdota sacramental, na que o sacerdote fala unha lingua distinta do enfermo que vai recibila extremaunción. Cóntaa para xustificala súa inquina ós medicamentos non naturais, di que para el o modelo é aquel pobre galego, enfermo no hospital. Só tiña un doblón de oro, que precisamente por iso, e para que non llo roubasen, tíñao sempre guardado na man,e o puño pechado. Chegou ó extremo de que xacompría porlle a extremaunción,e díxolle o presbítero que abrisela man e que a estendese. Preguntoulle ol pobre galego: E iso para que é? Díxolle o sacerdote: para ungirte y untarle la palma de la mano, que esta es la extremaunción. Respondeulle o galego: Unta por defora, ome, unta por defora.33 Aínda que Sarmiento conta este sucedido para opoñerse a que a xente acepte tomar remedios químicos que non sabe de qué están feitos (habendo nas plantas que Deus criou remedios para tódalas enfermidades que non sexan de morte), podémonos quedar coa materialidade do caso, de que o sacerdote en posición litúrxica utiliza o castelán e o laico acepta o sacramento con condicións pero en lingua galega. Pouco importa que eso acontecese nun hospital de Madrid, porque Sarmiento defendía que, mesmo en Madrid, tiña que haber médicos que entendesen o galego para poderen curar os enfermos galegos 34. A fortiori, para evitala nulidade e chacota do rito sacramental, esixía sacerdotes que soubesen o galego para poderen exercer ese ministerio con persoas galego falantes. O Concilio que pedía Sarmiento en 1766 nos Elementos Etimológicos tardou 190 anos. En xuño de 1976 o Concilio Pastoral de Galicia aprobou entre outras propostas esta:
que nas igrexas da cidade se chegue a celebrar polo menos unha misa en galego nos días festivos; o mesmo se diga dos demais sacramentos, sempre co debido respeito á liberdade dos interesados. Naquelas bisbarras nas que o galego é a única lingua, ten de se chegar a facer en galego todas as celebracións.
E o 24 de agosto seguinte o episcopado galego referendounas por unanimidade, converténdoas así en norma canónica. Pódense velos textos oficiais en FERRO (1987,6368). Está medido estatisticamente que onde hai liturxia en galego a xente está contenta 35 e tamén está medido que non a pide que non a probou, porque non se aprecia o que non se coñece. Sen embargo, a oferta é baixa e hai veces en que se pide e non se concede. Isto fixo que unhas mil persoas en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Redondela, O Couto Mixto, O Carballiño e Ourense fixeron xa ante notario un documento de derradeiras vontades polo que establecen que o seu enterro e funeral deberá ser en galego.
Nº 363 224