BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
ción científica pero, sobre todo, reclama o seu uso no ensino e na liturxia. E todo isto nese estraño século XVIII. En solitario. En tódalas ramas do saber que Sarmiento tocou foi un innovador que se adiantou en varios decenios á ciencia europea. Así en lingüística concibe ideas moi innovadoras sobre a orixe da linguaxe, formula conceptos como a lei fonética, manexa sen dicilo a arbitrariedade do signo lingüístico, postula a filoloxía comparada e concibe un diccionario etimolóxico románico, crea un sistema de nomenclatura científica internacional, anticipa o método palabras e cousas, utiliza criterios que a sociolingüística tardaría en formular, dá a pista fundamental para atopalos Cancioneiros medievais (MARIÑO: 1995, 9), venta a cántiga de amigo ó salientar que as cántigas populares galegas son obra de mulleres e adiviña a influencia do elemento galego na primitiva poesía castelá, como con asombro recoñeceu Menéndez y Pelayo. E máis, moito máis 27. Téñome preguntado moitas veces qué pasaría se Sarmiento publicase os seus escritos 28. Moi probablemente tería problemas pero ese sufrimento agrandaría aínda máis a súa figura e faría que a súa doutrina penetrase no pobo. ¿Con que clima se viviría a Guerra da Independencia en 1809, cando o pobo, desasistido do exército regular español, tivo que organizarse autonomamente para botar fóra os franceses? ¿Con que espírito se producirían os episodios bélicos de 1846? ¿Con que tempero escribirían Rosalía, Curros ou Lamas?¿Qué acontecería se a conciencia galeguista nacese cen anos antes e cen anos antes aparecese o Goberno autónomo de Galicia? 6. Sarmiento denuncia a falta de uso do galego na liturxia e en 1766 pide un concilio contra a presencia en Galicia de curas que non saben o galego Sarmiento sabía que o exemplo de Xesús rezando nunha lingua informal e doméstica como era o arameo (e non no hebreo litúrxico da Sinagoga, nin no grego da actividade comercial, e menos, aínda no latín do poder militar) cadra coa doutrina de Ide e predicade a tódalas nacións 29 e cadra co milagre simbólico dos apóstolos falando tódalas linguas en Xerusalén na Pentecoste. Sabía que isto fai que o cristianismo políglota se diferencie de relixións monolingües coma o xudaísmo ou o islamismo. Sarmiento sabía que a doutrina patrística podémola simbolizar, por abreviar, na conducta de san Agostiño que, mesmo sendo un gran latinista, mandaba predicar nun latín dialectal para que non houbese ruídos na comunicación da fe. Sarmiento sabía, probablemente, que dende o Concilio de Tours no 813 se mandaba predicar na lingua que falaba a xente. Sarmiento sabía que o Concilio de Trento, por marcar diferencias con Lutero, provisionalmente non as admitiu na misa pero fixéraas obrigatorias na catequese e na homilía. E sabía que aquilo se estaba incumprindo en Galicia, porque os bispos de Galicia non eran galegos e pervertían a doutrina do concilio de Trento 30. Pero Sarmiento non acode a argumentos bíblicos, patrísticos nin canónicos para criticalo feito de facer falala xente con Deus nunha lingua distinta, coma se Deus fora un
Nº 363 222