Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
poetas líricos de toda a península. Coma se lle tiraran dos ollos unha belida, empeza a ver todo doutro xeito: el é galego, Galicia existe e resiste. Cando un descobre fóra de Galicia que é galego, a sacudida é tan forte que pode cambiala vida, poñéndoa enteira ó servicio da dignificación e da redención da patria. Cando no 45 lle dan permiso para vir a Galicia, fártase de ler e copiar documentos en galego nos arquivos eclesiásticos. E percorre o país con ollos de analista rigoroso e compasivo. Volve a Madrid cargado de datos lingüísticos, botánicos, económicos, humanos. Na soidade da súa cela analiza non só a estúpida marxinación da lingua, en tempos tan digna, senón as causas económicas e políticas que a provocan e outras marxinacións que van aparelladas: a dos labregos, mariñeiros, das mulleres, dos galegos en xeral. A súa análise de home ilustrado pescuda en tódalas direccións as causas, do mal e os remedios específicos. Salvando Deus, todo lle parece reformable. A súa crítica toca tódolos sectores e clases sociais. Ser un eclesiástico non lle impide criticalos defectos das organizacións eclesiásticas. Ser un ilustrado non o obriga a someterse á moda de Todo para o pobo pero sen o pobo; el imponse o lema de Todo para o pobo e sempre co pobo. O pontevedrés descobre un inmenso programa de vida. Sarmiento ten diante de si unha inmensa tarefa: creala conciencia de que o hai que reformar case todo: a pesca, a agricultura, a gandería (reducindo o poderío da Mesta e suprimindo as corridas de touros), trazar novos camiños reais, reformalo sistema fiscal, o ensino, o exército, poñer en marcha os estudios históricos (relendo os documentos orixinais mal copiados), os estudios xeográficos, os de botánica e mineraloxía (descritivas e aplicadas, para dependermos menos dos productos importados); reducir ó imprescindible o número de funcionarios e de intermediarios; asentala práctica médica e boticaria sobre a experimentación. Unha emenda á totalidade que lle debe producir vertixe e sensación de inadaptado. Hai que reorganizalo todo dando preferencia ós humildes, porque son os únicos inocentes, e dando preferencia á súa cultura que encerra tesouros que o ollo urbano non percibe. Aínda non nacera o romanticismo, aínda non se crearan os métodos de análise social que aparecerán a fins do XIX, pero Sarmiento dá proba de que nin é un sabio nunha burbulla de cristal nin un desertor do arado. En 1759 escribe
Nada vexo, nada oio, nada apalpo, nada leo, nada escribo, nada observo, nada experimento e nada discurro que non teña en vista Galicia e maila Boa Vila para que se tantee se se poderá aproveitar algo do que se fai noutras partes.(SARMIENTO:1995,60)12.
Hai unha carta que me parece dunha enorme tenrura nacional. O 15 de febreiro de 1758 mándalle a seu irmán Xavier, dous caixóns cheos de sementes de 90 plantas que non hai en Galicia e que, se prenderen, terían valor industrial e aforrar importacións. Todo vén etiquetado. E dille
Se se pon coidado en cultivar estes 90 vexetais xuro que son máis útil a ese país [Galicia] que tódalas fundacións de capelanías e de vínculos para pillabáns de capa ás costas. (SARMIENTO:1995,36).
219 Nº 363