18
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
ningún traballo periodístico está exento. No aspecto formal ou de presentación das edicións utilizo a descrición bibliográfica usual, non a catalográfica. O segundo apartado, Publicacións periodísticas e dispersos, aparece dividido nas seguintes seccións: narrativa; artigos; conferencias e discursos; prólogos; cartas; poesías; memorias e informes; circulares e manifestos; edición de textos; lexicografía; fragmentos e notas sobre Rosalía de Castro; entrevistas, e dous apéndices nos que inclúo as antoloxías da obra periodística e mailas traduccións. No caso dos artigos, conferencias, etc., ofrezo os datos da primeira publicación e das sucesivas sempre que estean feitas en vida de Murguía, pois nestas puido o autor introducir variantes ou correccións. Por outra parte, isto permítenos apreciar cómo se difundiu a obra de Murguía, especialmente en América, cousa importante non só para efectos bibliográficos, polo menos naquela ocasión, verdadeiramente transcendental, en que a reproducción dun artigo de Murguía nunha revista da Habana foi o desencadeante da creación da Academia Galega. Polo contrario, non me pareceu oportuno consignalas reproduccións dos traballos periodísticos de Murguía máis alá do 2 de febreiro de 1923, data da súa morte (cunha excepción: consigno os que se recolleron en volume con posterioridade a esa data). Tamén omito, como é lóxico, as reproduccións de prólogos e capítulos de libros aparecidas na prensa. O terceiro apartado é un apéndice para o curioso; nel menciono os suplementos culturais dirixidos por Murguía onde se poden atopar algúns textos do autor; consigno os manuscritos inéditos, de moi pouca relevancia, e dedico un último epígrafe ás obras nas que Murguía traballou durante algún tempo e non chegou a concluír. A nómina de artigos debidos a Murguía podería aumentarse discretamente cunha consulta máis demorada da que eu puiden realizar nas hemerotecas de Madrid, Nacional e Municipal. En cambio, a relación podería ampliarse considerablemente se admitisemos, como de Murguía, artigos que apareceron asinados coas iniciais M. e M. M. nas publicacións nas que colaborou. Así, por exemplo, El Museo Universal (Madrid) publicou, entre 1860 e 1868, 47 artigos asinados por M. e 3 por M. M., artigos que algúns estarían tentados de atribuír ó noso autor; así o fixo, aínda que colocando o nome de Murguía entre prudentes interrogacións, Elena Páez Ríos, artífice do baleirado desa revista (El Museo