Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
tempo e aqueles aconteceres enmascarados nun hiperbólico e enigmático relato de aventuras, e teno escrito despois en narracións e textos xornalísticos. Ós nove meses da súa chegada, coñeceu na embaixada do Brasil á que sería xa de por vida a súa fiel compañeira, que lle deu tres fillos, Ana Sofía Baquero Céspedes, ?coma a terra: fértil, segura, para sempre?, escribíame nunha carta. Dos dezanove anos que botou por aquelas latitudes, cómpre dicir que só os nove últimos foron de seguranza e de próspero benestar económico, como encargado da xerencia na librería Cultural Colombiana de Occidente Ltda., que lle permitiu mercar piso en Cali, un chalé en Tocotá cun terreo: 'Taramancos', e poder decidir o regreso. Nos primeiros tempos en Bogotá coñeceu os grandes poetas colombianos Eduardo Cote Lamus e Jorge Gaitán, cedamente mortos, e a Neruda na celebración do primeiro número da revista Mito, que na amical conversa recordou un poema de Rosalía en galego e, do seu camarada Lorca, o de Chove en Santiago. Ó pouco de chegar, relacionouse así mesmo e serviulle de boa axuda nalgunha trapisonda co escultor galego Xesús Picón, con quen fundou unha singular ?Embaixada da Galiza en Bogotá?. Tamén coñeceu os poetas León de Greiff, Pablo Rothka e o guatemalteco Manuel Xosé Arce e Valladares, de ascendencia galega, quen, animado e asesorado por Avilés, escribiu na nosa lingua o poemario De lonxe canta o río, publicado logo en Galaxia. Fixera amizade así mesmo con Guillermo León Valencia, que chegou a presidente do país, fillo do poeta modernista Guillermo Valencia, e deuse o caso de que nunha recepción ofrecida a Charles De Gaulle, entre políticos, diplomáticos, escritores e xentes de empresa, convidara tamén a Antoni Trias, como representante de Catalunya no exilio, a Francisco de Abrisqueta por Euskalerría e a Antón Avilés representando a Galicia. En Cali xa, estableceu amizade con profesores e con escritores, entre eles o cubano Pardo Llada, de resonancia social colombiana dende a radio e o xornalismo, e levado da súa afección pola música latinoamericana tratou con xentes da canción latina como Celia Cruz ou Miguelito Valdés, e deu festas na súa quinta. Tornaba, en definitiva, ó mundo intelectual e artístico que necesitaba: conferencias, recitais, emisións de radio, recepcións, presentación de libros... Sen embargo, o máis importante en todo este tempo foi lograr que, sobre o papel ou no corazón aínda vencendo os anos máis inseguros e difíciles, non deixase de revivir en cada verso a súa fala, as súas lembranzas, as súas ansias e, como non, os seus soños. Eu animeino sempre e dei testemuño da súa creación contra o silencio e contra o esquecemento... Así foron pasando os anos. En 1974, vén un mes a Galicia para acalmar soidades e ver ó seu pai enfermo do corazón, para achegarse á campa da súa mitificada avoa, estar cos irmáns e cos amigos, revivir recordos... Vaise de volta, cargado de fotos da familia e dos lugares do contorno aldeán, máis ferido aínda pola dor da nova ausencia. Os acontecementos sucédense. Dous anos despois, o seu pai quere ver a Sofia e os netos, e veñen no verán de 1976. Recibe a Sofía con agarimo e contempla os netos dicindo ?si, así tiñan
211 Nº 364