BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
a Galicia. Outro poemario deste período, Poemas a Fina Barrios, xunto cos inéditos de Pequeno canto... (presentados a un certame convocado polo grupo Brais Pinto en 1960), extraviárase e non sería publicado ata vintedous anos máis tarde. Nos dous anos anteriores á súa marcha Antón Avilés asentou xa, con regularidade, en Taramancos e daquela acentúase o galeguismo do seu grupo de numerosos e bos amigos noieses (Miguel Iglesias, Xosé Iglesias, Lado, Bravo, Priegue, Hermida, Agrelo, Mercedes García, Manuel Caamaño Suárez, Paco Caamaño, e máis sen dúbida), mocidade de sentimento nacionalista que escoitaba e aprendía dos vellos (Barbazán, Souto, Guerra, Vieites, Barcia, Moas, Oviedo e outros que o noso autor lembraría) entre os que se contan convencidos galeguistas e xente nacionalista de esquerdas a falaren en tascas célebres, auténticas 'aulas', como 'A nosa casa', onde se ensinou galego e barallete no seu grande encerado, ou 'O Escorial', onde se xerou, por iniciativa do poeta, a primeira homenaxe por subscrición pública para entregarlle un busto de Castelao ás súas irmás, que lles levaron emocionadamente os mozos a Rianxo... Entre a primavera e o verán de 1961, a veta amorosa da súa lírica exacérbase e escribe fermosos poemas que teñen por platónicas destinatarias a dúas ou tres mociñas que lle levaban o corazón, entre estas composicións están as que dirixe a Carme Barreiro e, a fins de xullo e agosto, os Poemas soltos a Maricarme Pereira (que comprenden 'Pórtico' e nove poemas máis, os dous últimos correspondentes ós días 20 e 22 de agosto, remitiullos o poeta polo coche do Castromil) recuperados na recompilación de 1982. A incipiente presencia de Antón Avilés de Taramancos nos ambientes literarios da Galicia da posguerra ía verse gravemente ameazada pola longa ausencia que o poeta estaba a punto de iniciar. ?Imperativos vitais teño escrito na revista Luzes de Galiza, en febreiro de 1993 levárono lonxe da súa terra cara a esa distancia radical na que o ser humano pasa a se atopar noutro espacio natural e social, noutra realidade, é dicir, nunha vida e nun tempo novos, que para el e por vinte anos se chamarían Colombia: un novo amor que lle agrandaba a súa intimidade e que, xa de retorno na súa lendaria Ítaca noiesa, pulsaría con forza nos seus recordos e, por tanto, tamén no seu vizoso discurso poético repartido para sempre entre dúas saudades?. O tempo de estancia na patria remataba, pois, para Antón Avilés. Os horizontes do seu destino parecían querer abrirse tan só na lonxanía do mundo, como lle tiña pasado a tantos fillos e fillas desta terra. Fixera varias pescudas europeas sen resultado, Suíza entre elas, como nos falara a Ramón Piñeiro e a min. Ó cabo, un pouco por azar, decide irse a Colombia. Fai a viaxe en avión a comezos do outono e chega á cidade de Bogotá con nove dólares e unha saqueta de noces de Taramancos na exigua equipaxe. Acababa de arribar ó punto cero de todas as soidades. Tempos durísimos, con intervalos felices, habían ser aqueles primeiros dez anos nunha nova vida e nunha patria nova, a soñar sempre co regreso. As ilusións e as decepcións, os traballos e as mudanzas, sucédense con desigual fortuna. Tenme descrito aquel
Nº 364 210