Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Xosé Luís, contratado polo abade Mauro para pintar uns murais en Samos, foi Avilés tamén a aquel mosteiro como asesor bibliotecario, ata que a estancia monástica rematou dun disparatado xeito goliardesco cunha fuxida nocturna ó barrio chinés de Lugo financiados e acompañados por un pícaro novicio. O abade, malia o ocorrido, non perdeu a simpatía por Avilés e mesmo cando, anos despois, vai marchar para Colombia mandaríalle unha cordial bendición e unha carta de recomendación para o Cardeal de Bogotá, que no verán de 1961 estivemos a punto de abrir e coido que nunca chegou ó seu destino. Con todo, nesta época coruñesa de grandes lecturas e de bohemia artística cómpre destacar que a máis estreita e asidua amizade a mantivo co xenial pintor surrealista Urbano Lugrís, poeta tamén, fillo do venerable galeguista Manuel Lugrís Freire, presidente que foi desta Academia. El contáballe a Avilés de persoeiros do galeguismo cultural e de como cando neno coñecera a Pondal, que tiña vivenda en Xoana de Vega, e recitaba con voz estentórea poemas do bardo bergantiñán, de Rosalía, de poetas alemáns, ingleses, simbolistas franceses, nas súas linguas, e lle falaba dos compoñentes da Cova Céltica na librería de Carré Aldao, o pai dos Carré, ou lle emprestaba libros da biblioteca paterna... A tal punto era así que Avilés, co seu fino humor, tense referido a el como 'a miña universidade'. Un amigo, pois, que o acompañou naqueles anos de vida desordenada e precaria nos que tamén Avilés pasaba os días entre centros culturais e incesantes deambulares de flâneur incansable no senso vagamundano usado por Walter Benjamín, de troula e faladoiros interminables en cafés e coñecidas tascas, días enteiros adurmiñando a fame ou malvendendo con Lugrís algún cadro, alternancia en esporádicos traballos, amores cunha moza de quiosco ou paixón por unha bailarina de malos traeres que lle había inspirar un fermoso poemario de erótica sensual. Deste tempo perdura tamén o recordo de abondosas e abraiantes situacións, de disparatados sucesos que hoxe se lembran como divertidísimas anécdotas, moitas delas reflectidas nalgunhas biografías. Como balance poético desta longa e intensa estadía coruñesa conservouse unha colección de sete poemas titulada As moradías do vento (1955), dada a coñecer, ós vinte anos, nun dos caderniñosseparata da revista Atlántida. En 1956 establece contacto en Ferrol cos escritores e artistas que se aglutinaban arredor da revista Aturuxo, dirixida por Tomás Barros e Miguel Carlos Vidal, na que publicará e participará nalgún dos seus números e actos literarios. Ós vintedous anos, escribe o seu primeiro libro titulado A frauta e o garamelo (1959), que os amigos lle editaron na benemérita imprenta Moret, por xestión do xornalista Jorge Víctor Sueiro, entusiasta de Neruda, que sería tamén o distribuidor da reducida edición. Un libro celebrado por Pedrayo, Cunqueiro, Iglesia Alvariño, González Alegre, Rodríguez Yordi, e novos autores que por entón comezaban. Neira Vilas escribiulle daquela pedindo exemplares para a Arxentina, a penas dous anos antes de irse para Cuba, e non se coñecerían persoalmente ata a volta de ámbolos dous
209 Nº 364