BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
?Naquela noite do 1954 veláramos as armas e fixeramos do lume e dos montes pondalianos a testemuña da nosa adicación até a morte, folgo a folgo, por unha Galicia ceibe e popular?. Dos protagonistas daquel afervoado xuramento dous morreron, Reimundo Patiño e Xohan Casal, dos outros dous a penas máis nada volveu saber o poeta, e en 1985 escribía con certo ton épico e con pesar ?Triste destino o noso. Dos conxurados só eu fico no medio do camiño. E ollo o chan da patria, escoito os berros de loita que se confunden. Vexo a cada soldado seguir incertos rumbos?. Mais as súas palabras, remataban co desexo esperanzado de que ?unha forza unificada viñera agromar e nos devolvese a patria?. Ten evocado tamén a dona Gala, filla de Rosalía, ?sinto agora a emoción revivida de bicar a súa man polo que representaba?, ou ó debuxante Álvaro Cebreiro (xunto de quen o levaran os irmáns Vilar Chao) xa encamado moi enfermo, e as conversas sobre Manoel Antonio e o manifesto ?Mais alá?, sobre Teixeira de Pascoaes, e de cando Álvaro Cebreiro fora a París por aprender francés e volvera falando un correcto portugués da Baixa, debido a ter parado cando chegou nunha fonda con dous pintores lusitanos dos que foi amigo toda a vida, como foi amigo tamén do xaponés Foujita. Da Coruña na que el viviu por aqueles anos opinaba que ?era difícil calquera expresión cultural, e menos política, que non estivera axustada aos programas oficiais do Estado?. ?Había, pois, que andar con moito tento e deixarse pasar, as máis das veces, por personaxes pintorescas falar galego era pintoresco e andar nas catacumbas á percura dalgunha persoa afín para contar as nosas cuitas ou os anguriantes proxectos de futuro?. Alá coñeceu ó poeta en español Isidro Conde, amigo de Garcés, moi relacionado na Coruña e en Ferrol, que lle presentou a Iglesia Alvariño, e recorda tamén ?a figura forte e campechana de Otero Pedrayo pasar polos Cantóns repartindo apertas, e nos nosos corazóns de rapaces sentir que algo noso está aí, que o espíritu da terra estaba vivo?. Tamén os ocasionais encontros con Manuel María e con Novoneyra, mesmo na romaría dos Caneiros betanceiros. Lembra igualmente a posta en escena na que afirma ter intervido como axudante e apuntador do 'Don Hamlet', de Cunqueiro, baixo a dirección de Antonio Naveira, ?despois de mil voltas coa censura?; unhas voltas que hoxe en día non concordan coas que o propio Cunqueiro apunta nunha carta a Fernández del Riego. A personalidade extravertida de Antón Avilés, o seu carácter bondadoso e festivo, sempre optimista e ilusionado, o seu marcado senso do humor, e a súa fonda preocupación pola nosa cultura, maiormente pola nosa literatura e a nosa historia, polas culturas do mundo, e a súa afección pola pintura, levaban a Avilés a ser coñecido e apreciado en grupos e faladoiros. Sen embargo, entre os seus amigos coruñeses parece ser que foron os pintores Xosé Luís Rodríguez e Lixandre González Pascual os de meirande lealdade para con Antón Avilés, sobre todo cando as cousas deron en empeorar para o poeta ó retirarlle o seu pai a mensualidade por non seguir os estudios de Náutica. Con
Nº 364 208