Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Pedrayo pechou cunha magnífica conferencia sobre a amizade como tema central. Aquela lectura dos poemas premiados, que Antón Avilés realizou diante doutros destacados galeguistas presentes como Ramón Piñeiro, García Sabell ou Río Barja, supuxo a súa primeira e inesquecible intervención pública. Na nosa patria estaba a xurdir un poeta relevante de gran forza creadora. Rematados os cursos de bacharelato preceptivos, máis tres de mecanografía, chegou á Coruña a mediados do último trimestre de 1953 para facer os estudios na Escuela Oficial de Náutica y Máquinas, que, logo, non habería de seguir. Esta etapa coruñesa prolongaríase ata o ano 1960, con repetidas recaladas no abeiro sereno de Taramancos, e resultaría fundamentalmente significativa para a afirmación da súa vocación literaria e mesmo para a súa formación intelectual, aínda que abocada á súa vez a unha bohemia artística na que se disimulaban as máis duras privacións. Danse nela dous períodos separados polo servicio militar nas instalacións da Mariña en Ferrol, entre 1956 e 1957, onde coincidiu co futuro poeta Alexandre Cribeiro e algún amigo da súa infancia. Neses anos, así e todo, non se pode dicir que a súa presencia na Coruña fose moi infrecuente. Nos primeiros tempos da súa estancia na cidade herculina moveuse nun grupo de amigos e coñecidos noieses que seguían os estudios de Náutica e cos que foi perdendo comunicación, en tanto que entraba en relación cun grupo de poetas novos (Guillén, Gallego Vila, os irmáns Álvarez Torneiro, entre outros) e novísimas recitadoras, que entre todos constituíron a agrupación poética ?Peña Amanecer? de expresión española por aquela altura que procurou sempre o consello xeneroso e a colaboración habitual do poeta e escritor Miguel González Garcés, da xeración galega de 1936, influente en núcleos culturais, grupos de teatro e revistas literarias da Coruña e Ferrol, como Aturuxo, cos que Avilés contactou e participou nos seus actos e publicacións. Un forte sentimento galeguista e nacionalista que lle viña da infancia ó noso poeta levábao a procurar tamén a comunicación con vellos galeguistas como Uxío Carré, que o puxo en relación con revistas portuguesas como 4 ventos e en coñecemento con escritores da época. Impresiona o respecto, case sacralizante, co que relata as visitas á casa do apreciado Uxío Carré Alvarellos: ?Sobir a Eirís era sobir a un Santuario. Con Xosé Luís, o pintor, con Claudio Varela, con Demetrio, con Reimundo Patiño e Xohan Casal, alí iamos como o que vai coller os estandartes para cabalgar cara á victoria. A nosa fe tensábase alí como se tensa o ferro na bigornia, e saiamos cantando pola mañán, cantos duros de loita que falaban de Irlanda e da Illa de Man a das grandes hostes vencedoras na terra de Pondal?. ?Se algo me queda daquel tempo e quédame moito no corazón? (escribía o poeta) ?é a quentura do lume da grande lareira, onde Don Uxío se acadeiraba no pór do sol e que fora ergueita no ponto mesmo onde o seu fillo fora asasinado polo fascismo nos primeiros días da Rebelión do 36?. Naquel ambiente rexamente galeguista, non sorprende que Avilés e catro amigos levaran a cabo un simbólico xesto xuvenil ó que chamaron o xuramento de Laracha:
207 Nº 364