BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
mundo, aquén e alén mar, e así asinaría tamén toda a súa obra ata que a morte ceda o levou cara á distancia eternal na cidade da Coruña, o 22 de marzo de 1992. Da xínea coñecida co sobrenome das de 'Pastora', dende os días da casa forte da súa bisavoa, a familia vivía nunha sorte de sucesión matrilocal no solar doméstico coa avoa Josefa Fuentes, arquetipo da heroica resistencia da muller galega na loita pola vida e da firmeza nas tradicións como pedra angular do fogar. De probada valentía e coraxe, participara nas iradas protestas da Liga Agraria e nos sanguentos sucesos da revolta de Nebra en 1916. Transmisora da memoria da liñaxe e dos ancestrais saberes do seu pobo, é personaxe esencial e evocación de referencia entrañable nas orixes e fundamentos da vida de Antón Avilés de Taramancos. Aparecendo mencionada ou aludida en distintos poemas, nesa xerminal liña, matricial e telúrica, na que tamén enmarca emocionadamente a súa nai, muller rexa e pragmática, paridora de fillos vivos e mortos, coa casa nas mans e no corazón, e que un día sen o saber, levada daquelas agarimosas censuras ó fillo polo seu constante soñar e pola súa fabulosa imaxinación, habería inspirarlle o atraente título de As torres no ar para o mellor dos seus libros. Criado naquela pródiga natureza, formado nas máis antigas tradicións labregas e mariñeiras no seo dunha modesta familia sabedora de represións, de exilios e da emigración máis dura, a súa prodixiosa fantasía había derivar en vocación poética ben axiña nos seus tempos escolares na vila. Ó de facer os primeiros estudios, entrou en inicial contacto coa cultura galega, fundamentalmente polos galeguistas resistentes Basilio Fernández Barbazán e o poeta da xeración da guerra Manuel Fabeiro Gómez, quen non só se mostraría como o seu inicial mentor literario, senón que lle proporcionou o acceso á publicación nas primeiras revistas e á lectura de obras galegas de imposible circulación naqueles tempos da dictadura. A crecente vocación literaria comezara a manifestárselle en versos galegos de vívida idealización do seu mundo campesiño, cunha exuberante capacidade suxeridora. Pois posuía Antón Avilés un poderoso ímpeto lírico e épico, capaz de transformar sentimentos e feitos nunha nova realidade textual con rotunda entidade literaria, independente e grandiosa, xunto a unha infrecuente riqueza e frescura na palabra poética que non o abandonarían ata o seu silencio definitivo. Sábese que polos doce anos andaba a escribirlle versos ás distintas mociñas das que se namoraba, e que, xa de quince, compuña sonoros poemas de inspiración neopopular dos que deu a coñecer algún na publicación noiesa Tapal. Probablemente o primeiro poema que veu impreso é aquel que leva por título o verso inicial Eu non sei que tendes..., no número de decembro de 1950. Tamén comezou a colaborar noutras publicacións e mesmo na bonaerense Lar ou nun suplemento de Sonata Gallega, cunha 'Ofrenda a Manoel Antonio'. Sería en Noia, así mesmo, onde ó ir facer os dezasete anos había recibir o seu primeiro premio literario, no Certame Conmemorativo do Centenario da fundación do Circo de Recreación, no transcurso dun brillante acto celebrado no Teatro Galicia, que o escritor e catedrático da Universidade de Compostela Ramón Otero
Nº 364 206