BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas
a atmosfera externa do seu ser, onde medrou o sentimento da patria que viaxará con el ó alén mar. A parte final está dedicada á volta ó país da infancia, ó regreso do cronista ós eidos patrios a través dun necesario renacer do claustro maternal (xa adiantado, liricamente, nos comezos de As torres no ar) e das entrañas da propia terra e da propia historia e cultura. E nese relato, entre os mellores dos seus, faise unha recreación literaria e simbólica do seu ciclo biográfico, da súa peripecia soidosa e da súa ausencia por vinte anos, ó cabo dos que regresa. Entrégallo a quen o le como o testemuño dunha odisea transatlántica e do retorno de Ulises Fingal (pseudónimo que recolleu do seu amigo o pintor Urbano Lugrís á súa morte), o seu personaxe mítico fundamental nesa suxestión polas transmutacións persoais, de reminiscencias acaso pessoanas, que se dá marcadamente na obra xornalística. No nexo constituído polos fermosos relatos que compoñen as 'crónicas' mestúrase unha temática varia e un estilo que arrandea entre a aproximación ó propio da formalidade cronística e a narración creativa de persoais rexistros, cun alto valor literario nalgúns deles, nos que se achega un dicir e un enriquecedor indixenismo léxico. Xa só os títulos se nos amosan plenos de enigmático atractivo ou de populares aureolas: 'Gaitana (Alba, Serán, Noite)', 'Bicho raro a xaraguana negra...', 'De día o Bulevar do Ron...', 'Informe e datos do xenocidio...', 'O buscador de illas', 'Indio aguarana non sabe de labranza', 'Nunca se sabe que trae o fío do destino...', 'Luzmila', 'Entrada e recibimento do imperador don Álvaro de Oyón...', 'O home da rosa branca', 'Nariño', 'Crescencio Salcedo', 'Soliloquio e filtro de amor...', 'Servos de Deus e amos de indios', que recrean historias de cando a conquista e a colonización inseridas, sabiamente, entre os sucesos acaecidos ó autor e a memoria de xentes por el coñecidas. Testemuños, soños escritos, memorias de cando os camiños se abren a un mundo de lonxe e, como naquel verso do poema 'Die Wanderung' (A migración) do lembrado Friedrich Hölderlin da nosa xuventude, ?se fai duro deixar a patria?. Un Hölderlin refuxiado tamén nun misterioso pseudónimo. Saudosa evocación do alén. E, unha vez máis, esa íntima conxunción da terra e a palabra, do sentimento galego da vida e da mestría na arte literaria, a confluíren con forza admirable no gran caudal humano e creador que nos deixou Antón Avilés de Taramancos. Dixen. Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2003
Nº 364
214