BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudo
Estaba en el mejor sentido esta Comisión para resolver su instancia como deseábamos; pero los términos destemplados en que U. la ha escrito lo echaron todo a perder [...]
Tratábase, unha vez máis de recorrer á subvención oficial para continuar a súa Historia de Galicia, poucos meses despois de regresar do arquivo de Simancas. Unha faceta pouco coñecida de Paz Novoa é a súa nunca abandonada dedicación á poesía ó longo de toda a súa vida. Paga a pena polo menos que deamos aquí fe desta súa afección a través dalgúns poemas espallados en distintas publicacións xa que non chegou a editar poemario ningún. Todo indica que contemplou e cultivou a poesía como unha forma de humanismo que o liberaba dos trafegos profesionais. Era tamén o cultivo da poesía para políticos e burgueses unha marca de identidade da que non se arredaron outros moitos coetáneos de Paz Novoa. Unha referencia galega desta actitude cultural podemos atopala en Nicomedes Pastor Díaz, a quen por certo le o propio Paz, tal como di nunha carta dirixida a Murguía:
Estoy de trabajo ordinario hasta los ojos, y embrutecido con la enseñanza del dererecho mercantil y los pleitos. Gracias si a última hora puedo saborear los versos de Pastor Díaz, que ahora he comprado.18
Noutra carta fala da emoción de Concepción Ávila, a súa esposa, ante a lectura dos Cantares gallegos de Rosalía. Os primeiros poemas que coñecemos de Paz Novoa19 marcan unha liña prerromántica onde se conxugan o gusto polo misterio e a lenda coa perfección formal. Trátase dunha poesía coidada e reflexiva pero onde non se atopa a máis mínima emoción poética, semella que estamos ante exercicios retóricos. Que no caso do poema a España fai un percorrido por toda a mitoloxía patriótica castelá. Máis interese ca estes primeiros poemas ten o que publica en El Album de la Caridad (1862) que resultou premiado co segundo accésit. O extenso romance dedicado, seguindo as bases que estableceran os primeiros xogos florais da Coruña, a ?Macías el Enamorado?, relata a lenda do trobador en 186 octosílabos que teñen unha certa frescura e axilidade narrativa. Nada máis. Paz Novoa era consciente de que a súa poesía non era máis que unha mostra do seu espírito culto e refinado. Un entretemento para que non o confundiran con todos os ?zoilos? do mundo, tal como o noso autor se refería aos ignorantes e petulantes. De calquera maneira, cando Paz Novoa escribe un poema, ou escribe un artigo erudito, defende a Curros, escribe sobre os foros ou sobre a Constitución, está sempre a loitar polas liberdades. Tal é o caso da súa colaboración en La Ilustración Gallega y Asturiana,20 cando esta magnífica publicación estaba dirixida polo seu amigo Murguía. Láiase o autor do artigo
Nº 366 308