Traballos de investigación e estudo
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
pedimentos de clientes, especialmente o clero que con novenarios, boletíns e demais publicacións piadosas constituían o groso do traballo deste tipo de negocios. Estas empresas familiares adoitaban carecer de proxectos editoriais propios, estaban formadas por membros familiares (neste caso don Cesáreo e don Francisco Paz, que mercaran a imprenta que en Ourense tiña Moldes, instaláronse en 1837 co nome de Imprenta de Cesáreo Paz y Hermano, tal como demostran Barreiro Fernández e Antonio Odriozola15). Coidamos que Paz Novoa pensou nun momento determinado en amplialo, cando era único propietario o seu pai, xa que no ano 1865 pide información a Murguía sobre a litografía de Osterberger coa que traballa o historiador16, para ver de mercar unha. O certo é que as colaboracións de Paz Novoa na prensa empezan moi cedo, cando apenas contaba o noso escritor vinte anos. Temos, como xa adiantamos, localizadas algunhas colaboracións no tomo I de El Album del Miño no ano 1858. A partir desta data podemos atopar a súa sinatura en numerosas publicacións galegas ou relacionadas con Galicia: Almanaques, La Ilustración Gallega y Asturiana etc. Curiosamente, a obra periodística do xurista ourensán está directamente relacionada coa amizade e afecto que lle profesou a Murguía17. Con seguridade que se inicia esta relación nos anos estudantís de Paz Novoa en Compostela onde frecuentaba a Sociedade de Amigos del País, auténtico foro do progresismo liberal daquela época. As relacións co matrimonio Murguía Castro fanse cada vez máis cordiais a raíz de ter conseguido Paz Novoa, grazas ás súas xestións persoais diante do Gobernador Quiñones, unha pensión de 4000 reais da Deputación Provincial a favor da obra Historia de Galicia. Este trámite xera un extenso e intenso intercambio epistolar entre Ourense e Santiago no que saen a relucir outras moitas cuestións. A correspondencia permítenos introducirnos en pasaxes familiares da vida do ourensán pouco coñecidas, ademais de axudarnos a precisar datas, viaxes etc. Deste xeito temos coñecemento do abondoso intercambio de datos históricos e artísticos entre os dous amigos, sabemos da acollida das obras de Rosalía e do seu marido, e da súa venda a amigos e familiares en Ourense, sabemos da enfermidade de Javier, irmán de Paz Novoa (que debía ser louro porque se refire a el como ?mi hermano el celta?), cando era estudante de Medicina en Santiago, e non se nos ocultan as dificultades económicas de Murguía e Rosalía. O grao de intimidade que mantiveron os Paz e os Murguía queda reflectido anecdoticamente cando a familia do ourensán recibe nunha ocasión unha empanada de ollomol e noutra, unha empanada de muxes, ambas feitas por Rosalía. Estes intercambios gastronómicos soamente eran posibles nun contexto familiar ou de grande amizade. Pero non faltaron tampouco as tensións entre os amigos, coma cando en 1870 non pode Paz prestarlle nin un real porque non dispón de aforros, ou cando anos máis tarde, sendo Secretario no Goberno da provincia de Pontevedra lle comunica o seguinte a Murguía:
307 Nº 366