BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
?que a única vez que escrebeu en galego para un discurso en Tui, fixo un memorial de agrávios da súa patria? (p. 15). Esta idea, cos mesmos exemplos, aos que lle engade o propio caso de Rosalía de Castro, volve recollela nun escrito titulado ?Xohan Casal: os froitos da néboa? (21). E aínda podiamos achegar algúns casos máis desta idea recorrencial. Outra compoñente do seu pensamento que Avilés quixo transmitir foi o da tolerancia e erradicación do odio, sen renunciar, obviamente á radicalidade profunda das conviccións nacionalistas, é dicir, ao enraizamento que nel existía dun profundo e inevitábel amor ao país, pero sempre escoitando o outro, o diferente. Isto atopámolo, en xeral, enchoupando calquera dos seus escritos, pero ás veces querer subliñalo, como por exemplo cando con ocasión da homenaxe que se lle fixo en Soutomaior á viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez, dicía:
Din que o pasado xa pasou e que hai que encarar o futuro desde a amnésia, coa mente limpa e o corazón sen ódios. Certamente nós non odiamos, pero sabermos que non teriamos futuro, como nación e como povo, se esquecéramos aqués que foron os alicerces da nosa pátria (...) (26, a cursiva é miña)
Precisamente na carta da homenaxe a Celso Emilio que citei antes, hai un parágrafo no que afonda moito mellor nestes aspectos da necesidade de tolerancia e de entendemento entre os galegos, fundamentalmente entre os que teñen unha base común de obxectivos a cumprir na angueira de mellorar Galicia en todos os aspectos:
Eu vexo aos capitáns da nosa xente ir para o frente de batalla en desorde, enfrentados en pequenas liortas bizantinas, preocupados mais polo seu lucimento persoal que pola causa común. Non sabemos pór á pátria por encima dos partidos e andamos a escuras entre o entreguismo de uns e o aillamento grupuscular dos outros. (...) Un ve con dor tanto desperdicio de valor, tanta enemizade entre os amigos de sempre, tanta carraxe entre nós mesmos, que se non fora o amor que nos carcome por ver a pátria liberada, era de ir outra vez ás outas serras, que albiscamos os dous, a loitar por países que teñen clara a mente e o combate (217218).
Tamén a lealdade aos amigos prematuramente desaparecidos en plena xuventude e en quen el depositara esperanzas de liberación para Galicia é un motivo de moitas páxinas de Avilés. Así os artigos dedicados a Reimundo Patiño, Xoán Casal ou Eusebio Lorenzo Baleirón, este último morto en plena xuventude cando el regresara xa a Noia e se incorporara á unidade xeracional da revista Dorna, na que Eusebio tiña un rol moi significado, os outros dous, compañeiros na andaina comprometida da súa etapa coruñesa, aos que dedica semblanzas e recordación cheas de melancolía e de pesimismo: ?A man da desventura perseguenos de cote? (17), por máis que o talante vitalista do poeta supere finalmente ese pesimismo para dicir que, a pesar de todo ?xa ninguén nos pode deter? (25). Todas as páxinas de Obra viva respiran o convencemento idealista e algo inxenuo por veces de que a misión do poeta non pode ser allea ao compromiso social, como manifesta explicitamente con voz trémula, hiperbólica e cósmica en ?Criación literária e compromiso social?:
Nº 364
198