Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
tados a Urbano Lugrís e Avilés de Taramancos respectivamente, nesa magnífica carta na que se din cousas moi próximas ao mundo elaborado polo autor colombiano para poñer en circulación os seus personaxes, sempre inquedos viaxeiros e aventureiros e apaixonadamente namorados dos navíos e do mar, mesmo como Antón Avilés de Taramancos, que tantas veces ten suspirado a través dos seus poemas polos veleiros que el vía de neno afastarse pola corda tensa do horizonte, que diría Manuel Antonio, inzando os seus anceios de coñecer novos mundos. Esa ?Carta gnómica a Urbano Lugrís? arrinca cun parágrafo que mesmo podería asinar un deses dous personaxes de Álvaro Mutis, tan só habería que cambiar o nome de Urbano polo de Maqroll e a da sinatura de Avilés pola de Abdul Bashur ou, ao revés, o de Urbano polo de Abdul Bashur e o de Avilés polo de Maqroll:
Meu gran Urbano: Escríboche na badía de Muros a bordo dunha goleta cargada de esmeraldas. Soamente ti podes maxinar a marabilla que fai o sol brincando de proa a popa. O capitán é un maltés de ollos garzos, barba saladina e un amuleto de nacre sobor do peito. É home prevenido, en Chíos arrecadou coarenta odres de viño brilador e temos festa de cote. ¿Non te lembras de iste viño mediterráneo cheo de corazóns e de palabras? En Marseille un compañeiro meu, besgo e mouro, embarcou cinco centos de noces. Non damos escachado. No mencer ergueremos áncora rumbo a Amberes (...) Mercareiche tódalas pezas de alquimista que atope. Gostaríame que viñeses comigo a contemprar as lizgairas fragatas beilando na badía (...) ¿En que navío anda agora a túa outa humanidade? Lémbrome de cando nos atopamos no porto de Nassau: navigabas entón nun cachemare de leve proa i arriscada vela. O cargamento de ron fixera a túa voz rouca e lonxana. ¡Como queimaba o sol nas amprias prais de Xamaica. Foi alí onde coñecemos a Desdémona e Niobe (...).
O curioso é que no epílogo do libro de Álvaro Mutis Abdul Bashur, soñador de naviós, o narrador sitúa na Coruña a Maqroll, quen cerra o libro cun comentario sobre unha fotografía que tamén podería asinar Avilés: ?Es mejor que se quede usted con ella æconta o narrador que lle dixo Maqroll cando se despiden. Yo no sé guardar nada. Todo se me va de entre las manos?. Mesmo como lle pasaba a Avilés de Taramancos, segundo deixou dito na súa correspondencia. Obra viva sérvenos tamén para fixar certos aspectos que, pola súa recorrencia en escritos de rexistros diversos e de oportunidade varia, podemos dicir que conforman verdadeiros ideoloxemas que Avilés de Taramancos desexaba difundir para que impregnasen o discurso nacionalista e pasasen a ser compoñentes básica do mesmo. Estou a me referir, por exemplo, á insistencia no poder liberador inherente á propia lingua. ?A lingua ten por si unha forza liberadora?, deixou dito nun escrito preparado para o centenario da morte de Rosalía de Castro, onde trae a colación casos certamente moi elocuentes, como poden ser o de Alfredo Brañas, ?que escrebía no castelán retórico e melífluo da súa época (....) (pero) cando escrebeu o seu himno saíu da súa voz un canto de loita, de independencia, de soberanía nacional: Ergue Galicia, érguete e anda / coma en Irlanda, coma en Irlanda?; ou o de Murguía,
197 Nº 364