BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Certamente, neste sentido, Avilés tivo o que, en palabras de Xosé Agrelo, poderiamos chamar o ?don divino de non ser un home senón de ser un pobo?19. ?¡Non son un home: Son un pobo / E ninguén me pode domear!?, exclama a voz épicolírica en Nova crónica de Ulises. Un home, un pobo. E aínda dous, diriamos, pois dúas foron as súas patrias. En canto a Obra viva, libro que se compuxo, no que se refire á selección dos textos, baixo a revisión e autorización do propio Avilés, leva un prólogo de Xosé Agrelo, ábrese cunha homenaxe a Urbano Lugrís (a quen recordará tamén na columna ?A contraluz? do Barbanza e en Regueifa. Revista cultural de Bergantiños20) en forma de ?Carta gnómica a Urbano Lugrís? e péchase con outra homenaxe, agora a Celso Emilio Ferreiro, tamén por medio dunha carta, ?A carta que nunca escrebín?. Trátase de dúas cartas ficticias, dende o momento en que son públicas e non hai destinatario real senón ideal. Son cartas literarias, xa que logo, con diversos graos de contido referencial comprobábel, pois así como a que dirixe a Lugrís é practicamente todo froito da imaxinación de Avilés, baseado no talante e nos soños que ámbolos dous personaxes, o remitente real e o destinatario ideal, compartiron nas súas andainas dos tempos da Coruña, a de Celso Emilio achega datos verídicos (como o caso do mural en homenaxe aos guerrilleiros mortos que Celso Emilio viu nun Banco de Caracas, no que o pintor, amigo de Avilés, deixara plasmada a cara deste, recoñecida por Celso Emilio) mesturados cun ton de lamentación dos males da ?patria? e dunha especie de desánimo diante da pouca forza, decisión e solidariedade que existían en Galicia para tirala da prostración:
Non son mellores os tempos de agora. É dicer non chegaron os tempos que os bardos anunciaran. Esta pátria nosa anda atoutiñando solermiña as lindes da esperanza, pero sempre cae no abismo. É condición, quezais, dos galegos a loita estéril, o naufráxio das ilusións e a perda do sentido da solidariedade. Ou que sei eu! Non somos capaces de case nada (p.217).
Hai un hiato temporal moi grande entre a ?Carta gnómica a Urbano Lugrís? publicada en La Noche, no ano 1959, e o seguinte escrito, ?Centenário de Rosalía (13071985)?, datado en 1985, xa cando o poeta estaba de volta en Noia. A temperá prosa da ?Carta gnómica a Urbano Lugrís?, publicada en La Noche cando tan só contaba vintecatro anos e tiña por diante, sen el o saber aínda, toda a aventura da enorme e aberta froita caribeña, é unha peza literaria que xungue en delicada écfrase a pintura do noso gran surrealista Urbano Lugrís e unha poética cromática e sensorial que, quizais Álvaro Cunqueiro mediante (pois coñeceuno e compartiu con el longas conversas e sesións de taberna) definiría boa parte da obra enteira de Avilés de Taramancos. Por outra banda, de non saber que o tal escrito está datado en Santiago de Compostela no ano 195921, cando Avilés de Taramancos aínda non sabía que ía recalar ao ano seguinte en Colombia e cando o escritor colombiano Álvaro Mutis era por aquí un descoñecido total, pois a penas comezara aínda a súa carreira de escritor, poderíase pensar que o noso poeta lle tomara prestada ao agora famoso novelista colombiano (premio Príncipe de Asturias) a parella que chegarían a formar os aventureiros Maqroll, El Gaviero, e Abdul Bashur, Soñador de Navíos, transplanNº 364 196