BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
dentes de linguas xa desaparecidas... eran fontes de información, antigas e orixinais, que el combinaba cos escritores clásicos para poder penetrar na historia antiga de Galicia. Mención á parte merece o aprecio polos documentos medievais (cartas de fundación, doazóns, preitos, herdanzas, etc.), que el procuraba nos arquivos das institucións relixiosas cando se lle presentaba a ocasión. No espacio reducido deste artigo non é posible analizar con detalles a metodoloxía proposta por Sarmiento para levar a cabo as investigacións históricas, nin a aplicación da mesma. Sería este tema para unha monografía moito máis extensa. En troques limitareime a salientar algúns aspectos do seu labor como anticuario que tiñan que ver co emprego de vestixios ou supervivencias do pasado, tanto inmateriais (palabras) como materiais (restos arqueolóxicos). Canto ás supervivencias inmateriais, conservadas na lingua e na toponimia do país, Sarmiento fixo un uso intensivo delas, en razón dun perdurable interese en materia lingüística. Sabido é que unha boa parte dos seus escritos dedicounos a esa cuestión. Pero tamén é certo que en moitas ocasións utilizou as súas habelencias no eido da lingüística para achegarse ás antigüidades de Galicia, aproveitando os datos lingüísticos de maneiras diversas. En primeiro lugar, procurando as palabras de antigos idiomas que se conservaban na lingua e na toponimia galegas, e que lle fornecían de indicios acerca dos poboadores da Galicia preromana: palabras gregas (peirao, Pindo, Cassitérides...), feniciopúnicas (Aunios, Belón, Lais...) e celtas (braña, xistral, Bergantiños, Cambre...). En segundo lugar, querendo identificar os lugares da xeografía antiga coa actual, por exemplo: Insulae Cicae/illas Cíes, Burbida/Borbén, Laeron/Lérez, etc. Ou ben tentando explicar os topónimos actuais a partir de etimoloxías latinas: Ara Augusta/Arousa, Castrum Iovis/Castrove, Turris Ardens/Orzán, Iove/Xubia, etc., o cal debía fornecer detalles acerca da natureza e funcionalidade dos antigos lugares (aras, torres, lucus, castra). Por último, aproveitando a toponimia como indicadora da localización de restos arqueolóxicos: Oleiros, topónimo que na súa opinión indicaba a existencia de olas ou urnas funerarias; Cidade ou Castro, sinal de ruínas de antigas poboacións; Moimenta, anuncio da presencia de mámoas; Baños ou Caldas, proba da localización de termas; Verea, indicador de vías romanas; Arcos, indicio de arcos triunfais erguidos a rentes dos camiños, etc. Se as etimoloxías tiñan en xeral unha especial importancia para el, pois saber a orixe dunha palabra permitiría coñecer o seu verdadeiro significado, no estudio das antigüidades eran de enorme axuda para descubrir as xentes que noutrora habitaran o país e para coñecer as condicións de vida no pasado. Mesmo se cómpre admitir que el non foi nin o primeiro nin o único en tirar partido dos datos lingüísticos neste tipo de investigacións, pois na historiografía galega do XVII foron frecuentes as especulacións etimolóxicas de toda caste en relación coas antigüidades, e que algúns dos seus argumentos e solucións non son defendibles hoxe en día; con todo si é preciso salientar que foi Sarmiento quen mellor soubo tirar partido da combiNº 363 158