BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
na ou do estado presente. Ademais, resulta fácil detectar un interese filolóxico subxacente, presente, como se sabe, en toda a súa obra. Neste sentido, xa foi salientado (Capel, 1989) que a dimensión corográfica da xeografía (antecedente dos actuais estudios rexionais) pretendía describir os continentes, os países, as rexións, as comarcas e os lugares na complexidade dos seus trazos físicos e humanos, o que facía dela un saber enciclopédico de excesiva ambición. De todos os xeitos, o Padre Sarmiento admite que a descrición física constitúe a corografía fundamental, na que se basean todas as demais corografías. A este respecto, acepta que a superficie de Galicia, da mesma maneira que todo o globo terráqueo, estivo sometida ó longo do tempo a modificacións numerosas e de grande envergadura a causa de terremotos, furacáns, tempestades, inundacións de mares e de ríos e outro tipo de catástrofes. Xa que logo, os actuais caracteres territoriais do noso país teñen moi pouca semellanza cos que se rexistraron hai miles de anos. Evidentemente, Sarmiento non era alleo ás principais controversias científicas do momento, polo que non está de máis que fagamos unha sucinta revisión das ideas sobre a configuración da superficie terrestre que se discutían nos círculos intelectuais do Dezaoito. Estamos a falar dunha centuria na que a relixión seguía gozando de moita entidade (aínda que se observase unha ?nova relixiosidade?) e a maioría dos científicos continúan sendo crentes, de tal xeito que os dogmas relixiosos conducían ó ?fixismo?, visión estática que, por oposición ó evolucionismo, sostiña a inmutabilidade xeral do planeta. En relación co fixismo, pero con perfís propios, o ?creacionismo? defendía que os trazos básicos da superficie terrestre xa quedaran establecidos no acto da creación. A historia da Terra estaba narrada no libro do Xénesis e non era doado discutir cientificamente sobre este tema sen referirse a pasaxes esenciais do relato bíblico, coma os seis días da creación ou os corenta do diluvio universal. A este respecto, moitos dos xeólogos dos séculos XVIII e XIX (especialmente Georges Cuvier, 17691832) pensaban que a formación de voluminosas cordilleiras e a escavación de profundos vales só se podían explicar apelando á intervención de súbitos procesos extraordinarios que provocaban vertixinosas convulsións no Globo. Frei Martín recoñecía a Carl von Linneo (17071778) coma o máis famoso naturalista e botánico do mundo, ó tempo que se declaraba coñecedor da súa sistemática binomial; pois ben, o científico sueco explicaba que toda a terra estivera noutra época cuberta polas augas, agás unha pequena illa habitada por unha parella de cada especie de animais, a partir da cal se foron dispersando conforme aumentaban as superficies secas. Todas estas alteracións teñen unha explicación ?catastrofista?, segundo a cal as estructuras xeolóxicas son unha consecuencia de grandes catástrofes ocorridas no pasado da Terra. Os partidarios desta hipótese consideran que, en tempos remotos, o noso planeta se viu afectado por traumatismos moito máis extensos e violentos que os coñecidos en época histórica. O máis importante deles, a inundación diluviana, permitía
Nº 363 176