Traballos de investigación e estudo
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O castelán frei Lope Gallo de Avellaneda (1596) escribe da súa man, desde algunha casa da Orde de Santo Antón Abade en Castela, unha carta privada bilingüe, empregando un voluntarioso pero deficiente galego no primeiro, terceiro e quinto parágrafos, máis curtos, e o castelán nos restantes e mais na posdata. Ignoramos a procedencia e extensión dos seus coñecementos lingüísticos e cal é a motivación última desta vontade explícita de usar o galego, que ben puidera ser só réplica amistosa a frases galegas que o propio Gondomar entremete nas cartas que lle envía6; en todo caso cómpre salientar que non domina ben a lingua, así a todo nada paródica nin hipercaracterizada, mais ao seu pesar inzada de castelanismos. A práctica bilingüe dáse tamén nos correspondentes galegos, pero de varios xeitos diferentes. Así, cando San Juan de Amorín (Gondomar 1605) colle a pluma para lle dar conta dalgúns asuntos da habenza e, sobre todo, pedirlle que confirme a súa versión nun desacordo retributivo, comeza a súa carta en castelán, con algunhas interferencias que nos permiten entrever que se está sometendo a unha práctica lingüística que lle supón certo esforzo, pero conforme vai avanzando cara ao cerne da súa petición pasa ao galego e só volve á lingua de partida tras cumprimentar os amos, ao final da despedida e na data. Hai por tanto unha compoñente emocional nesta escolla lingüística, que tanto se xustifica pola conmoción de quen escribe coma pola mellor disposición que se pode presumir en quen recibe a demanda de amparo. É distinta a práctica bilingüe doutros dos seus correspondentes, semellante á que vemos con frecuencia na prosa tabeliónica, de fins do século XV e sobre todo do século XVI, como paso intermedio entre a redacción do documento integramente en galego e a instalación definitiva do castelán como lingua notarial. Así, a carta privada de dona María de Moscoso e Sotomaior (Laiosa 1604), que mestura desculpas, ofrecementos e petición de grandes e pequenos favores, é tamén un texto bilingüe, pero a alternancia de código non se produce en unidades ben diferenciadas nin se reserva a unha pasaxe en particular: comeza en castelán, cun parágrafo de contido bastante protocolario, pasa ao galego en medio dunha causal explicativa (?...y de lo en que pueda servirle a vuestra merced, pues non desejo cousa máis que...?), usa esta lingua en todo o corpo da carta e só volve ao castelán nas fórmulas protocolarias de despedida; o cambio de lingua é consciente, cando menos na volta ao castelán, pois trabúcase e emenda por superpoñendo á nasal o grafema inicial seguinte, . Así actúa tamén don Diego Sarmiento de Sotomaior na segunda das súas cartas que editamos (setembro 1605), unha misiva privada ao seu curmán, que trata sobre todo de asuntos do goberno: arrinca en castelán, para pasar inopinadamente ao galego na quinta liña (?obligar a quien tanto quiero y devo y deseo servir a que me jnbíe sós dúas rregras da súa maom?) e volver á lingua inicial só nas fórmulas corteses da despedida. Finalmente, a carta bilingüe de don Rodrigo de Moscoso e Sandoval (Santiago de Compostela 1619) evidencia de forma máis clara un uso diglósico de ambos os códigos.
259 Nº 365