Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Mentres tanto, iniciábase un proceso de identificación crecente da xeografía coa descrición de países, co inconveniente de que este é un coñecemento ó que se lle discute o seu carácter científico. En realidade, a xeografía, en particular a do propio país, convértese nun saber preliminar e auxiliar da historia, que necesita determinar rigorosamente, non só as datas, senón tamén os lugares en que se produciron os acontecementos que narra (Capel, 1981, 1982). Para Sarmiento, o coñecemento do mundo xeográficonatural debe realizarse a través de itinerarios polo espacio habitual do neno e subidas ós montes, co fin de desenvolver a capacidade de orientación de acordo cos catro puntos cardinais; durante os percorridos, o escolar preguntará os nomes de lugares, montes, vales, ríos, fontes, árbores e todo tipo de vexetais e outros seres vivos; por fin, comprobará a localización e orientación dos lugares visitados, calculará medidas e distancias, e intentará debuxar un mapa do lugar (Costa, 1997; Flecha e Celada, 1997). Por iso se amosa partidario de franquear as catro paredes da escola para visitar aqueles sitios onde se lles poidan amosar ós nenos todos os obxectos, cos seus propios nomes e usos: un convento, unha igrexa, un pazo, un barco se houbese porto de mar, unha fábrica, un muíño, un batán, as casas dos artesáns, a rúa onde xogan?, calquera lugar é bo con tal de que sirva para aprender sen acudir á memorización. Desconforme coa educación incipientemente institucionalizada e afastada do contorno, o Padre Sarmiento intúe as vantaxes pedagóxicas da interacción escolamedio e avoga polo coñecemento da realidade próxima como método lóxico e natural de traballo intelectual. A substitución do verbalismo polo realismo constitúe un dos piares básicos do ideario pedagóxico sarmentiano, no que se defendía unha aprendizaxe a través de todos os sentidos posibles e se propugnaba a utilización da intuición como método educativo por excelencia. Adoita apuntarse que o benedictino enlaza así coas ideas de Comenio, que no século XVII (Didactica Magna, Orbis sensualium pictus) enfatizaba o valor pedagóxico dos procedementos inductivos e da observación directa e defendía a iniciación ó estudio da xeografía a través do contorno próximo ó neno. Sen embargo, é posible explicar o pensamento educativo do noso bieito sen necesidade de acudir a esas influencias: abonda con considerar o seu grande interese pola cultura tradicional e a súa aposta por unha instrucción escolar intimamente conectada cos saberes arraigados no espírito do pobo (Delgado, 1993; Filgueira, 1981). O que si está claro é que, pola mesma época do pontevedrés de adopción, Rousseau (Emilio, 1762) amosábase contrario á educación intelectualista e engadía a conveniencia de representar cartograficamente, aínda que de forma sinxela, as observacións realizadas sobre o contorno. E o proxecto educativo do pedagogo suízo Pestalozzi (17461827) nucleábase arredor do estudio da xeografía local e da aplicación do método activo ó ensino. Bo coñecedor dos ambientes intelectuais europeos malia o seu retiro conventual, Sarmiento conecta coas ideas pedagóxicas máis avanzadas do momento, que,
185 Nº 363