BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Para rachar con ese tradicional intelectualismo aristotélico e escolástico que lle resultaba tan aborrecible, o benedictino inclínase polo estudio das matemáticas e das ciencias físicas e naturais, que falan dun mundo observable e experimentable, fronte ós estudios de carácter filosófico e especulativo (?ciencias contenciosas?), que manexan conceptos invisibles, opinables, inútiles e dificilmente intelixibles. Todo o que se ensina e se obriga a aprender ten que ser razoable e demostrable; tan só a doutrina cristiá e as oracións da Igrexa serán aprendidas de memoria. As verdades da fe representan o único ámbito no que Sarmiento non deixa ningunha marxe á opinión, xa que toda a educación debe desenvolverse dentro dunha incuestionable ortodoxia relixiosa, tal como é presentada no Cathecismo de la Doctrina Christiana do Padre Astete. Ademais, estando tan pura en España a fe católica, sería todo un desatino ir estudiar ó estranxeiro. No plano didáctico, Sarmiento reclama mestres eruditos e cincuentóns, grupos de alumnos moi reducidos e, sobre todo, as ?leccións de cousas?, xa que o neno ten que aprender os nomes das cousas visibles, primeiro as creadas por Deus e despois as que son producto da fabricación humana; só cando os nenos coñezan as cousas naturais e artificiais, tratarán entón de aprender os nomes das cousas invisibles, inmateriais e espirituais. Seguindo un empirismo filosóficopedagóxico que emparenta co de John Locke, a observación, directa ou indirecta, constitúe o recurso didáctico fundamental. Así, as cousas corpóreas, tanto naturais como artificiais, deben ensinarse nomeándoas con voz alta e clara e sinalándoas co dedo, mentres que o ensino das cousas espirituais e invisibles debe realizarse co apoio de ilustracións. Nesta concepción pedagóxica, o coñecemento da realidade circundante inmediata ó escolar cobra unha especial relevancia, porque nela é onde o neno poderá ver as ?cousas? e aprender os seus correspondentes ?nomes?, primeiro os vulgares e despois os latinos. No contorno xeográfico é onde poden observarse todas as cousas visibles xurdidas da creación divina (os animais, os vexetais, os minerais, os fenómenos da natureza, o propio home), e tamén o conxunto das cousas artificiais resultado da fábrica humana; en definitiva, aí atoparemos tanto o mundo, ou macrocosmos, coma o home, ou microcosmos. Frei Martín rexeita a utilización de vocabularios ou diccionarios ordenados alfabeticamente. No seu lugar, propón o emprego de ?onomásticos? con voces en galego, castelán e latín, onde as ?cousas? se atopen metodicamente clasificadas e interrelacionadas. Deben engadirse voces xeográficas e cronolóxicas, dado que considera a xeografía e a cronoloxía coma os dous ?ollos? da historia (Filgueira, 1981, 1994), utilizando unha expresión moi repetida no Dezaoito. Cómpre ter en conta que ó longo desta centuria a xeografía matemática deu xigantescos pasos e que por vez primeira apareceron mapas cos contornos aproximados ós actuais, abandonándose as medidas irregulares da escola clásica. Non obstante, a xeografía acabou por ser excluída do campo das ciencias matemáticas, ó tempo que ía perdendo capítulos esenciais dos seus contidos tradicionais pola aparición de novas disciplinas que asumían o estudio de antigos saberes xeográficos.
Nº 363 184