Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
media, integrada por xente de diversas procedencias pero cunha aspiración común: obter rendas sen emporcar as mans (Dopico, 1978; Dubuis, 1972). Sorprendentemente, Frei Martín deixa fóra das súas críticas os morgados da alta nobreza, o que, xunto coa súa innegable disposición a prol dos grupos sociais máis desfavorecidos, parece indicar un estado de ánimo tamén favorable á alta aristocracia, fronte á animadversión que lle merecen as nacentes clases medias. Velaí a carga ideolóxica do noso benedictino, que nunca cuestiona a xerarquía social, senón unicamente a súa degradación (Dopico, 1978). É sabido que os ilustrados critican os abusos, os excesos, pero non os sistemas; o seu reformismo pretende romper as barreiras que se opoñen ó axeitado funcionamento das leis económicas, pero non discuten a estructura social e política, nin moito menos a concepción dun poder real absoluto (Barreiro, 1997), aínda sendo sabedores da contradicción que supón tratar de compatibilizar un discurso de modernización coa defensa da soberanía ilimitada do monarca. Por iso, os devezos de Sarmiento ían polo vieiro da restauración da vella sociedade tradicional, consonte ó ideal da regra de San Bieito, agora ameazada pola perturbadora presencia de grupos sociais que teñen o atrevemento de disputarlles ós vellos señores o seu papel dirixente na sociedade (Rodríguez Galdo, 1997). O ensino da xeografía No maxín dos pensadores ilustrados bulía unha firme convicción: se a ignorancia é a causa de todas as calamidades sociais, a prosperidade e a felicidade das xentes só serán posibles a través da educación. De aí a necesidade dunha política de ilustración popular, xa que, tendo en conta a lamentable situación escolar do momento, o Estado é a única institución con capacidade para acometer esta inxente tarefa de instrucción pública. O Padre Sarmiento, que participa plenamente desta reflexión, sabe que a mellora do ensino constitúe un paso previo a calquera política reformista coa que se pretenda dar o salto á modernidade, polo que aposta por unha educación que sexa útil tanto para o desenvolvemento da propia persoa coma para o progreso da sociedade (Costa, 1997). En 1758, Frei Martín envioulle unha carta ó seu irmán Francisco Xavier en relación coa educación do seu sobriño Alonsiño, toda vez que Matildiña, pola súa condición de muller, non necesitaba ningún destes consellos. Aí ten a oportunidade de esbozar as súas ideas pedagóxicas, pero será unha década máis tarde, xa con 73 anos, cando o monxe de San Bieito se afane en escribir dez pregos que conforman un completo Discurso sobre el método que debía guardarse en la primera educación de la juventud, do que existe copia manuscrita no mosteiro de Santo Domingo de Silos. Editado por Pensado baixo o título La Educación de la Juventud de Fray Martín Sarmiento (1984), constitúe unha novidosa e orixinal obra pedagóxica na que critica con dureza as institucións (desde a escola ata a universidade) sobre as que se asentaba o sistema educativo, xunto co ensino puramente libresco, irracional, rutineiro e memorístico predominantes na época.
183 Nº 363