BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
Cómpre ter en conta que a Galicia do século XVIII era unha sociedade basicamente rural, polo que calquera pensador que reflexionase sobre o estado da economía galega tiña que dirixir a súa atención en primeiro lugar cara á agricultura, actividade baseada nun policultivo de subsistencia que xogaba un papel central no sistema económico e que necesariamente tiña que conservar esa mesma relevancia no programa de reformas que propugnaban os ilustrados (Dopico, 1997). Neste contexto, e persuadido da excelencia das ideas agraristas, o frade bieito pensa que só a agricultura é quen de estimular o crecemento da poboación, polo que é preciso romper cos atrancos que se opoñen ó desenvolvemento agrario: a propiedade vinculada ós morgados e amortizacións, o minifundismo, o abandono das terras cultivadas, a pobreza dos rendementos agrícolas e, por riba de todo, a decrépita e viciada institución foral caracterizada pola presencia de subforos subordinados en distintos graos. En efecto, Frei Martín está plenamente convencido de que o absentismo da nobreza e a subseguinte irrupción dun colectivo social de rendistas subforeiros (?señores medianeiros? ou ?fidalguía intermediaria?), interposto entre os propietarios e os cultivadores directos das terras (Anes, 1975), foron os móbiles que fixeron recaer unhas cargas insoportables sobre as explotacións campesiñas, dando lugar a un crecente éxodo rural e á conseguinte crise demográfica cada vez máis acentuada (Rodríguez Galdo, 1997). É evidente que Sarmiento participa directamente na radicalización do debate sobre a cuestión foral, que Saavedra e Villares (1985) ven como unha loita polo control do excedente agrario e, quizais, como unha reorientación das alianzas sociais que estiveran vixentes no campo ata o século XVIII. Pero, ademais, cómpre non perder de vista a interesante observación de Dopico (1978), cando advirte que o perspicaz benedictino, co seu discurso defensivo e agresivo ó mesmo tempo, no que proliferan as referencias ó labor apostólico e cultural dos relixiosos, á función social que exercen os mosteiros e ós seus apuros económicos, e ó que el considera unha conxura contra a orde bieita, ben puidera matinar que o preito sobre a perpetuación dos foros non facía máis que anunciar decisións políticas de moita máis gravidade: a desamortización dos bens eclesiásticos. Está claro que o Padre Sarmiento busca as causas do suposto despoboamento de España no propio funcionamento interno da sociedade e nas deficiencias da organización económica e administrativa, desprezando a incidencia doutros factores que os seus contemporáneos adoitaban invocar, tales como a expulsión dos xudeus e mouriscos, a emigración ás colonias de Ultramar, o peso excesivo dos impostos reais, o elevado número de relixiosos e a sucesión de pestes, guerras e fames. En vez de acudir a ese tipo de xustificacións, o egrexio benedictino arremete contra unha categoría social urbana que considera ociosa e improductiva e que está constituída por titulares dos morgados, propietarios de gando transhumante ou de terras que non cultivan directamente, arrendadores de rendas reais ou empregados da Facenda; en definitiva, unha especie de clase
Nº 363 182