Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
a América, con rumbo ós territorios do Río da Prata, destino preferente, xunto coa illa de Cuba, da emigración ultramarina no século XVIII. Cando Frei Martín, non sen resistirse, tivo que resignarse finalmente a aceptar, por obediencia, o cargo de Cronista Xeral de Indias que o rei Felipe V lle outorgou en 1750 (Filgueira, 1972, 1981, 1994), preocupouse especialmente da saída de habitantes de Galicia e dos problemas suscitados arredor do fenómeno migratorio. Os ?indianos? enriquecidos non se libran da aceirada crítica sarmentiana, porque o seu retorno actúa como un factor incitador dunha crecente emigración en cadea a partir de vínculos familiares ou veciñais (Rodríguez Galdo, 1995, 1997). Así mesmo, o noso benedictino é tamén un dos primeiros autores en relacionar o desenvolvemento da gandería co despoboamento orixinado pola peste de 1348. En efecto, parece que a substitución de terras de cultivo por pastos foi unha realidade en Castela ó longo da segunda metade do século XIV, circunstancia que Sarmiento relaciona coa orixe da Mesta. E nunha carta que en 1765 dirixe ó duque de Medina Sidonia refírese ó apoxeo da transhumancia e ás conexións entre gandería extensiva baseada no desprazamento dos rabaños, agricultura e poboación, xulgando negativamente a baixa densidade demográfica de Estremadura, Castela e León, que el atribúe precisamente á práctica da gandería mesteña. Desde unha óptica aínda mercantilista, pensa que, á parte de productos de luxo e mercadorías superfluas, só se pode exportar o que sobre despois de satisfacer as necesidades internas; neste sentido, considera que a la é unha materia prima que non convén exportar, xa que os beneficios que proporcionan as vendas ó exterior non compensan o prexuízo derivado das importacións de tecidos elaborados con esa mesma la que se exporta (Anes, 1997). Coherente coas súas ideas, Frei Martín rexeitou desdeñosamente o nomeamento de membro honorario da Academia de Agricultura do Reino de Galicia, fundada por José Cornide en 1765 e con sede na cidade da Coruña; non parece a súa unha renuncia moi desacertada porque ese organismo só estivo vixente durante nove anos e a súa influencia foi escasa (Dopico, 1978). Sen embargo, a insistencia teimuda do benedictino na necesidade de roturar máis terras para promover a actividade agrícola e unha gandería plenamente integrada con ela, permítenos atopar no noso personaxe un defensor anticipado das ideas ruralistas que, en franca reacción contra o mercantilismo, abriron o camiño da fisiocracia. Esta doutrina económica, sistematizada por François Quesnay (Tableau économique, 1758), acabaría por converterse en preponderante na segunda metade do Setecentos: a terra é a fonte primaria de riqueza, a única que, a través da agricultura, proporciona un ?producto neto?, polo que só os agricultores incrementan a prosperidade da sociedade; todos os demais traballadores limítanse a transformar o que a agricultura xa producira con anterioridade, de maneira que o comercio só produce unha ganancia individual e a industria contribúe ó aumento da riqueza na medida en que non arrinque ós homes do traballo da terra.
181 Nº 363