Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
citado, lóxica continuación. Deste xeito, dende Cameixa a Castromao, veremos como se interesa pola construcción doméstica (máis aínda que polas murallas), polas fontes e polos elementos de organización da vivenda, da casa. As formas das paredes, os aparellos, os vans, as cubertas serán fitos referencias esenciais das súas reflexións e publicacións, aínda que se interese polas diversas facianas da ergoloxía: cerámicas, ourivería por exemplo, e das crenzas (as pías, as inscricións) e non só no mundo dos castros, tamén na época galaicorromana (Abelenda, Barbantes) e sobre todo medieval (velaquí as súas aproximacións aos paramentos de Amiadoso, Pazó, Mixós ou o ?forno? de Augas Santas). Cal foi o eco e significado das súas intervencións? Xa fomos vendo como os resultados das súas intervencións foron indicando fitos referenciais significativos, sobre todo Cameixa e Castromao. Pero, en perspectiva, resulta evidente que nin os resultados de Cameixa, que lles presentaron diversas cuestións para as que non encontraron resposta inmediata e lles obrigaron a abrir un panorama de evolución interna da cultura material castrexa, nin os estudos sobre materiais concretos, por exemplo as cerámicas pintadas da mesma procedencia, nin os resultados doutras intervencións, significaron no seu momento un cambio substancial na consideración da cultura castrexa, aínda que tivo un primeiro eco nos traballos de Hawkes nos castros do Norte de Portugal e, anos despois, mediante varios artigos de Maluquer co establecemento dunha evolución marcou un fito referencial importante42. Non houbo modo de conseguir unha nova intervención, que servira de contraste de resultados e aplicación de métodos analíticos ?endebén sobre os materiais depositados no Museo se realizasen análises de C14 con resultados positivos?, pero revisáronse os materiais depositados no Museo, e mesmo se publicou unha memoria descritiva dos traballos e materiais con ocasión do centenario de don Floro43. Os traballos do gasoduto realizados na década dos noventa, que afectaron ao conxunto lateralmente, serviron para realizar novos achados puntuais, pero pouco máis44 polo que moitas das interrogantes e problemas suscitados na súa intervención seguen aí. Os traballos de Lás tiveron meirande significación, xa que marcaron a pauta das intervencións posteriores, na década dos oitenta, coas matizacións propias das novas intervencións45, e o mesmo aconteceu no Castromao. Signo diferente seguiron as de Barbantes, onde á transformación da paisaxe pola reforestación seguiu a construción da autovía das Rias Baixas (A52), que provocou unha intervención de salvamento que redescubriu o xacemento, escavándose en zonas como as das primeiras sondaxes e, sobre todo, no Castelo, con importantes descubertas, como o camiño de acceso, a singular porta e as diversas estruturas e murallas. Despois foi literalmente destruído nunha parte substantiva e aterrada noutra polas escombreiras da construción da autovía, aínda que se podería ter salvado boa parte dos restos descubertos de optar por outra solución, que ademais evitase os problemas de desprendementos que ofrece actualmente neste punto.
63 Nº 365