BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
ao xacemento castrexo do cumio (o Castelo) e ás explotación do fondo do val. Os traballos, que ofreceron magníficas perspectivas cara ao futuro non tiveron continuidade, interpretáronse en clave de explotación mineira e asentamento, tamén en relación cos depósitos existentes no fondo do val, que serán os que máis chamen a atención con posterioridade34. Non son os seus únicos traballos nos castros. Na relación de traballos xa referida hai referencia doutras intervencións, como a do castro de San Cristovo, que é un xacemento verbo do que non consta ningunha outra referencia, nin se conservan datos escritos seus35, e outro tanto acontece das mencións aos castros de Brués, de onde procede unha peza cerámica do Museo de Ourense, ou do de santa Cristina. Pola contra podemos ver como se interesa por outras realidades arqueolóxicas nas que intervén neses anos: a vila romana de Abelenda das Penas, o monumento protohistórico de Augas Santas, e no estudo dos paramentos doutros monumentos de época medieval coma Amiadoso, Pazó ou Mixós36, estudos que coa recolleita de inscricións romanas para a elaboración do Corpus de Inscricións Romanas de Galicia (IRG.) que promove o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IPSEG.) serán a súa dedicación fundamental arqueolóxica nas decadas dos cincuenta e sesenta, aínda que en 1959, con Xesús Taboada, fará unhas sondaxes no castro de Cabanca, onde definen os foxos e parte das estruturas interiores37, e que non terán tampouco continuidade. Finalmente, os traballos realizados en Castromao abranguen dúas etapas. A primeira é de apoio a Mariano García Rollán, que fixo dúas campañas, en 1963 e 1965, co aval do Museo38; a segunda é de actividade directa en colaboración con don Xesús Ferro Couselo, dirixindo os traballos entre o ano seguinte e 1974. No curso dos traballos directos explóranse moitas construcións da plataforma inferior e delimítase a muralla exterior, e un sector da plataforma intermedia, interesándose especialmente polos problemas construtivos e as transformacións das plantas das construcións39, moi en liña coas súas preocupacións de establecer secuencias do estudo da casa dende a prehistoria ata o presente, e por algúns materiais relacionables cos de Cameixa coma as cerámicas pintadas. Consérvanse no Museo os croquis das plantas das construcións e algunhas anotacións relativas aos materiais así coma fotos, e o noso contacto con el permitiunos, en anos sucesivos de traballo, completar un labor de escavación que agromou nunha nova perspectiva do xacemento40, tarefa na que se continua na actualidade41. Das súas intervencións cómpre salientar non só os resultados, dos que xa comentamos as xeneralidades, senón como articulou as informacións. Se da súa obra podemos obter unha visión de conxunto é o seu interese pola construción, indirectamente pola factura da mesma, e o seu valor indiciario da estrutura social e económica, elementos que non son alleos ás formulacións e aproximacións que realiza dende o punto de vista antropolóxico, do que as investigacións arqueolóxicas son, segundo o seu criterio expliNº 365 62